Asociacións veciñais de Vilalba rematan as obras de mellora dos seus locais

TerraChaXa
Asociacións veciñais de Vilalba melloran os seus locais sociais como as instalacións de Monte do Calvario e O Picouzo-Ladra
LOCAIS SOCIAIS VILALBA RURAL
2 Mar 2023

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, acompañada polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou os locais das asociacións veciñais Monte do Calvario e O Picouzo-Ladra para coñecer as melloras realizadas co apoio da Xunta. O Goberno galego investiu preto de 24.500 euros en obras de acondicionamento e equipamento no marco do Plan específico de acción comunitaria, dotado con 3 millóns de euros.

Así, a Asociación Veciñal e Cultural Monte do Calvario recibiu 12.000 euros para o acondicionamento da antiga casa reitoral de Alba. As obras realizáronse no baixo do edificio e consistiron na demolición de dous tabiques e a recuperación das paredes de mampostería. Tamén se colocou pavimento de pedra e instalouse un cuarto de baño na zona da entrada.

Pola súa banda, a Asociación de Veciños O Picouzo-Ladra obtivo 12.465 euros. Deles, 12.000 destináronse ao acondicionamento do segundo andar do local social, co illamento do tellado e a colocación de pavimento, entre outras actuacións en paredes e teito. Os 465 euros restantes destináronse á compra dun proxector como equipamento audiovisual de apoio na realización de actividades.

Durante as visitas a directora xeral referiuse á importancia de darlles resposta ás demandas dos colectivos veciñais como pezas fundamentais na dinamización do rural e no benestar da veciñanza. Nesta liña, incidiu na necesidade de que estes colectivos conten con espazos que lles permitan desenvolver a súa actividade coas condicións e o equipamento precisos para levala a cabo, así como co máximo confort para as persoas usuarias.

A través do Plan específico de acción comunitaria destinado a asociacións veciñais e de mulleres rurais, e a comunidades de usuarios de augas, a Xunta impulsou o pasado ano na provincia de Lugo proxectos de mellora de 31 entidades. O investimento global para cofinancialos ascendeu a 433.588 euros. A meirande parte deles, 421.588, foron para 30 asociacións de veciños, entre as que figuran as vilalbesas Monte do Calvario, O Picouzo-Ladra, Santa Eulalia de San Román e Galopíns de Carballido.  Os 12.000 euros restantes foron para unha asociación de mulleres rurais.

0.19255018234253