Augas de Galicia abre o trámite ante a solicitude de Sentury dunha concesión do lago das Pontes
A empresa solicita a concesión cun caudal máximo de 700 m³/día de auga do lago para o proceso industrial e consumo humano na planta de pneumáticos que prevé implantar no concello das Pontes.
A Xunta abre o trámite de competencia de proxectos ante a solicitude recibida pola empresa Sentury Tire Spain SLU para unha cconcesión de uso do lago das Pontes asociada ao proxecto dunha fábrica de pneumáticos.
A empresa solicita a concesión dun caudal de auga de 700 m³/día procedente do lago para o proceso industrial e consumo humano na planta de pneumáticos que ten previsto implantar no termo municipal das Pontes de García Rodríguez.
Unha vez recibida a solicitude de concesión de augas por parte da empresa, Augas de Galicia, seguindo o procedemento establecido na lexislación, abriu o trámite de competencia de proxectos para que outras entidades interesadas poidan formular propostas de aproveitamento alternativas. O inicio deste trámite publicouse no Boletín Oficial da Provincia da Coruña e prolongarase por espazo dun mes.
Unha vez transcorrido ese prazo, conforme o procedemento, deberán avaliarse os proxectos presentados, empezando por desbotar calquera iniciativa que contraveña o establecido no Plan Hidrolóxico de Galicia-Costa e denegándose a tramitación posterior de toda petición que supoña unha utilización de caudal superior ao dobre do que figura como petición base.
Os proxectos compatibles co Plan Hidrolóxico serán sometidos ao correspondente procedemento de avaliación ambiental e ao preceptivo proceso de información pública, ademais de recabar os informes dos organismos e concellos afectados.
O resultado dese proceso será determinante para a aceptación ou denegación da solicitude que, no caso de concederse, levará acompañada un conxunto de condicións cuxo cumprimento o titular deberá comprometese a asumir.
Con este procedemento de trámite de competencia de proxectos, Augas de Galicia garante a transparencia e o estrito cumprimento da normativa en materia de augas: co rexeitamento directo de calquera proxecto que vulnere o Plan Hidrolóxico de Galicia-Costa e a garantía de participación dos axentes interesados, incluíndo un proceso de información pública.