Augaxosa reivindica a tradición gandeira cunha feira que mantén vivo un legado de séculos

A parroquia de Augaxosa, en Riotorto, volveu converterse este sábado nun punto de encontro para o sector gandeiro coa celebración dunha feira que mantén unha tradición documentada desde o século XVIII. A cita, organizada pola Asociación de Veciños de Augaxosa coincidindo coas festas parroquiais, reúne gando cabalar, razas autóctonas, artesanía, gastronomía e música tradicional.
A feira abriu ás 9.30 horas e contempla o reparto de máis de 800 euros en premios entre as ganderías que presenten un maior número de animais. En edicións anteriores, segundo os datos facilitados pola organización, chegaron a reunirse arredor de 200 cabezas entre cabalos, eguas e poldros.
A programación incorpora tamén unha mostra de razas autóctonas, demostracións de cestería e torneado de madeira, postos de alimentación e téxtil e animación musical. A estas propostas súmanse degustacións de hamburguesas de poldro de Pura Raza Galega, en colaboración coa Asociación de Criadores Puraga e dentro do programa de promoción 'Un gusto rural, un rural degusto'.
Na contorna da feira pode visitarse ademais a exposición 'Gardiáns', de Jorge Arévalo, unha colección de imaxes que se achega ao traballo diario nas explotacións, á presenza dos animais na cultura e aos ciclos vitais, ademais de abordar as consecuencias que teñen os incendios sobre a actividade gandeira.
A Vicepresidencia da Deputación de Lugo, a través da Área de Medio Rural, colabora coa celebración cunha achega de 5.000 euros. O deputado Daniel García destacou o labor desenvolvido pola asociación veciñal para conservar unha das feiras cabalares con maior tradición da contorna.
RAZAS AUTÓCTONAS. A celebración serviu tamén para poñer o foco na conservación das razas propias de Galicia. A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, destacou durante a súa visita a Augaxosa o valor destes animais para o patrimonio e o territorio galegos.
O Goberno autonómico mantén un convenio con diferentes entidades, entre elas a Federación de Razas Autóctonas de Galicia-Boaga, responsable dunha das mostras presentes na feira. O acordo conta cun orzamento de 2,5 millóns de euros ata 2027 para apoiar accións de recuperación, conservación e promoción.
A esta liña súmase a primeira convocatoria dos premios Exceraza, destinados a recoñecer o traballo das persoas criadoras das cinco razas bovinas autóctonas ameazadas: Cachena, Caldelá, Frieiresa, Limiá e Vianesa. Para cada unha establécense distincións á Excelencia Gandeira, ao Legado e Vigor e á Identidade e Semente da Raza.
Medio Rural dispón igualmente este ano de 390.000 euros en axudas para a recría de razas autóctonas de ruminantes ameazadas, co obxectivo de contribuír á conservación do patrimonio xenético e favorecer a continuidade dunha actividade estreitamente vinculada ao rural.