Avanza a tramitación do eixo eléctrico Maciñeira-Naraío, clave para impulsar novos proxectos nas Pontes e Ferrol

GaliciaXa | TerraChaXa | FerrolXa
O nó permitirá dispoñer de 400 megavatios de capacidade para proxectos industriais e centros de datos, ao tempo que facilitará a incorporación de novas fontes renovables
antenas-electricidade
2 Sep 2026

A tramitación administrativa para facer realidade o eixo eléctrico Maciñeira-Naraío dá un novo paso coa apertura do período de información pública das solicitudes de autorización administrativa previa e de construción, a declaración de utilidade pública e o estudo de impacto ambiental das instalacións que conformarán esta infraestrutura.

O anuncio foi publicado este martes no Boletín Oficial do Estado (BOE) pola Subdelegación do Goberno na Coruña, que establece un prazo de 30 días hábiles para que as persoas interesadas poidan presentar alegacións.

O eixo Maciñeira-Naraío contempla a construción de dúas novas subestacións eléctricas de 400 kV, unha en Maciñeira e outra en Naraío, ademais de novas liñas de transporte que discorrerán por Mesón do Vento e polos municipios das Pontes, As Somozas e San Sadurniño. O Goberno central declarou o pasado mes de abril o nó de Maciñeira como nó de transición xusta.

Estas infraestruturas están chamadas a reforzar a rede de transporte eléctrico e a dar resposta ás novas necesidades de abastecemento enerxético de proxectos industriais estratéxicos nas comarcas de Ferrolterra e As Pontes. O obxectivo é facilitar a implantación de iniciativas de gran consumo eléctrico, entre elas novos centros de datos, ademais de favorecer o desenvolvemento de proxectos vinculados ás enerxías renovables.

O alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, destacou a importancia desta infraestrutura para o futuro económico da comarca e reclamou que se acelere a licitación unha vez completados os trámites administrativos. O rexedor sinalou que o nó permitirá dispoñer de 400 megavatios de capacidade para proxectos industriais e centros de datos, ao tempo que facilitará a incorporación de novas fontes renovables.

Formoso tamén puxo o foco no proxecto de bombeo hidráulico reversible asociado ao desenvolvemento enerxético da zona, que podería achegar ata 1.000 megavatios de capacidade de evacuación e preto de 800 megavatios adicionais para novos parques eólicos.

O alcalde defendeu que o reforzo da rede eléctrica permitirá ás Pontes e ao conxunto da comarca afrontar con maiores garantías a chegada de novos investimentos. Neste sentido, advertiu de que a falta de capacidade enerxética está impedindo actualmente a implantación de industrias, centros de datos e outros proxectos en diferentes puntos do país, unha situación que, ao seu xuízo, poderá evitarse nesta comarca grazas ao desenvolvemento do nó de Maciñeira.

O Concello das Pontes prevé, ademais, participar na sociedade encargada de xestionar o proxecto xunto con Endesa, o que permitiría ao municipio obter un retorno económico directo, ademais dos beneficios derivados da creación de emprego e da xeración de ingresos fiscais.

Cos recursos xa contemplados nos Orzamentos Xerais do Estado e na Planificación Estratéxica Nacional, González Formoso confía agora en que a tramitación avance con maior axilidade e que a licitación das capacidades dispoñibles permita seleccionar proxectos capaces de xerar actividade económica e emprego na comarca.

0.14238119125366