Avanzan a bo ritmo as obras de modernización enerxética do polideportiva da Magdalena das Pontes

TerraChaXa
O proxecto beneficiará directamente ao alumnado e á comunidade educativa do CEIP A Magdalena, así como á veciñanza
Polideportivo-Magdalena-as-pontes
5 May 2026

As obras de rehabilitación enerxética do Polideportivo da Magdalena continúan a avanzar a bo ritmo e segundo a planificación prevista.

A actuación, cun investimento de 149.911,99 euros financiado pola Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes e o Concello das Pontes, ten como obxectivo a mellora integral desta instalación deportiva, construída entre finais dos anos 80 e comezos dos 90.

O proxecto permitirá modernizar o pavillón, mellorar o confort interior e reducir o consumo enerxético, dando resposta ás deficiencias detectadas na actualidade.

A actuación céntrase na renovación integral das fachadas do volume principal, que presentaban humidades, manchas, deterioro da fábrica exterior e ausencia de illamento térmico.

Prevese a rehabilitación completa da envolvente, incorporando un novo sistema de illamento polo exterior e a substitución da chapa existente na parte superior, co obxectivo de mellorar o comportamento térmico do edificio, evitar filtracións e renovar a súa imaxe. A obra inclúe tamén a reposición dos canalóns e baixantes afectados, fundamentais para garantir unha correcta recollida e evacuación das augas pluviais.

Xunto á mellora da fachada, o Concello acomete a modernización do sistema de iluminación interior, substituíndo as luminarias de vapor de mercurio por tecnoloxía LED de alta eficiencia.

Ademais, instalarase un sistema de control do acendido e da intensidade que permitirá adaptar a iluminación ás necesidades reais do uso deportivo, reducindo o consumo e mellorando a calidade lumínica no interior do pavillón.

Outro dos eixos do proxecto é a renovación do sistema de produción de auga quente sanitaria, mediante a substitución dos acumuladores eléctricos por equipos aerotérmicos, que aproveitan a enerxía do aire para xerar auga quente cun menor consumo eléctrico, avanzando cara a un modelo máis sostible e eficiente.

O goberno municipal subliña que esta actuación supón un paso decisivo na modernización das instalacións deportivas do municipio, así como un avance na aposta por edificios públicos máis eficientes, confortables e respectuosos co medio ambiente.

Engaden que o proxecto beneficiará directamente ao alumnado e á comunidade educativa do CEIP A Magdalena, así como á veciñanza, que contará cun pavillón renovado, máis seguro e mellor preparado para o uso diario.

0.14830112457275