Baamonde acolle este venres o espectáculo musical 'O Camiño de Vieiras Amarelas' de Antonio Barros

TerraChaXa
O concerto, incluído no programa 'O teu Xacobeo', mestura música, emoción, maxia e a tradición do Camiño de Santiago nunha proposta para todos os públicos
BEGONTE o camiño de vieiras amarelas
6 Aug 2026

A Praza de Baamonde converterase este venres 7 de agosto, ás 21.30 horas, no escenario do espectáculo 'O Camiño de Vieiras Amarelas', protagonizado por Antonio Barros, nunha actuación organizada polo Concello de Begonte dentro da programación 'O teu Xacobeo'.

O artista presenta unha proposta que vai máis alá dun concerto convencional. Baixo o lema 'Un camiño. Un soño. Unha aventura musical', o espectáculo combina música en directo, iluminación, emoción e elementos escénicos inspirados no universo de O Mago de Oz e na simboloxía do Camiño de Santiago, creando unha experiencia pensada para toda a familia.

Antonio Barros, coñecido por moitos como o sucesor artístico de Juan Pardo, está inmerso na xira 'E ti, alma Tour 26', coa que percorre diferentes localidades galegas levando este proxecto que rende homenaxe aos valores da superación, a amizade e a ilusión representados polo Camiño.

A actuación forma parte das actividades promovidas pola Xunta de Galicia a través do programa 'O teu Xacobeo', unha iniciativa que impulsa eventos culturais vinculados ao espírito xacobeo e á promoción do patrimonio e da cultura galega.

O Concello de Begonte anima á veciñanza e aos visitantes a achegarse á Praza de Baamonde para gozar dunha noite na que a música, a posta en escena e a maxia serán as protagonistas.

0.12597703933716