Bágoas negras pola túa ausencia

TerraChaXa
Por Moncho Paz Cando Mario Xosé chegou a Cuba contaba vinte e cinco anos de idade.
Moncho paz
22 Out 2019

Por Moncho Paz

Cando Mario Xosé chegou a Cuba contaba vinte e cinco anos de idade. O traballo na tinturaría familiar permitiulle unha pronta recuperación das súas doenzas no lombo, pois agora xa non tiña a obriga de cargar pesos no porto da Habana e, por outra banda, co novo oficio gozaba de máis tempo de lecer. A familia Yáñez Paz tiña por costume pasar quince días ao ano en Santiago de Cuba, a cidade máis oriental da illa e o auténtico berce do bolero, da trova e do son.

A dezaseis quilómetros ao oeste de Santiago atópase a vila de El Cobre, fundada en 1598. Durante a estadía de vacacións, a nosa familia gustaba de visitar o santuario da Virxe da Caridade do Cobre, chamada Cachita polos habitantes da illa e declarada Patroa de Cuba polo papa Bieito XV en 1916. Mario Xosé namorouse rapidamente da maxestosa paisaxe da serra, mesturada co carácter extravertido e alegre das xentes do lugar, a plasticidade dos seus bailes e ritmos e as edificacións de diferentes cores, perfectamente adaptadas á complicada topografía do terreo. Todo elo axudaba a levar moito mellor a morriña pola terra galega, sempre presente.

Corría o mes de xuño de 1927. Nunha das visitas ao santuario, Mario Xosé encontrouse por sorpresa no Cobre co seu amigo Isidro, con quen coincidira no porto da Habana cando traballaban como estibadores para as compañías azucreiras. Natural do municipio de Rodas, na provincia de Cienfuegos, Isidro compartía con Mario Xosé o primeiro apelido, Paz. Esa coincidencia fixo que intimaran case de xeito inmediato, intercambiando historias das respectivas familias. Isidro estaba acompañado pola súa dona Sara, unha mulata de inigualable beleza, á que seducira durante unha excursión ás paradisíacas praias de Morón, na provincia de Ciego de Ávila; os cubanos coñecían esta poboación como “la ciudad del Gallo”. A parella tiña un meniño de dous anos e medio, bautizado co nome Ramón e ao que dicían agarimosamente “Chavito”.

Tras un tempo de conversa, decidiron verse en Santiago de Cuba a semana seguinte para tomar un trago e poñerse ao día. A súa bebida preferida era a cervexa Hatuey, que fora lanzada poucos meses atrás pola compañía Ron Bacardi S.A. e a cervexeira Santiago Brewing Company. Ademais do tradicional Cuba Libre, o máis internacional de todos os cocktails creados na illa, tamén tiñan por costume pedir nos establecementos un combinado coñecido popularmente como Presidente, composto por unha medida de vermú vermello, medida e media de ron branco, varias gotas de granadina e un par de cubiños de xeo.

A cervexa e o ron, a luminosidade da cidade, o agradable clima da baía e a fonda amizade que se profesaban fixeron que Mario Xosé e Isidro soñaran espertos con crear a súa propia empresa; e así foi como xurdiu o proxecto de constituír unha sociedade, á que denominarían Azucarera Oriental San Ramón S.A., e que contaría con Mario Xosé Paz Bello e Isidro Paz González como socios fundadores. Lamentablemente, aquela aventura empresarial viuse truncada polo prematuro pasamento de Isidro como consecuencia dun accidente laboral no porto da Habana, onde regresara para rematar un traballo acordado co seu patrón, propietario da compañía Central Siboney-Camagüey.

A infinda dor pola morte do seu compañeiro fixo que Sara se trasladara a vivir, xunto ao seu fillo Ramón, cunha tía na facenda Centro América, propiedade dun tal Fico Hernández. Alí traballaba como capataz Trino, o home da súa tía. Durante os primeiros meses mantivo un contacto permanente con Mario Xosé, pero foi pasando o tempo e deixaron de escribirse.

O meu avó Mario Xosé contoulle esta historia ao meu pai cando este era un raparigo. Confesoulle que lle puxeran Ramón por dous motivos: en primeiro lugar, polo seu padriño Ramón Guntín Currás; en segundo lugar, pola promesa que lle fixera a Isidro de lle poñer o mesmo nome de pía ca o do seu fillo. En memoria do seu amigo, tamén recibiu o alcume de “Chavito”. E polas noites cantáballe para o durmir o bolero Lágrimas negras, escrito por Miguel Matamoros cando un día escoitou o pranto incesante dunha muller no cuarto dun hostal. Tiña asociada a súa letra a aqueles anos na illa caribeña: “Aunque tú me has echado en el abandono / aunque tú has muerto todas mis ilusiones /en vez de maldecirte con justo encono / y en mis sueños te colmo / y en mis sueños te colmo / de bendiciones / Sufro la inmensa pena de tu extravío / siento el dolor profundo de tu partida / y lloro sin que sepas que el llanto mío / tiene lágrimas negras / tiene lágrimas negras / como mi vida”.

0.1690719127655