Baixan un 63% as vítimas mortais de accidentes nas estradas galegas
O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, informou dun descenso dun 63% nas vítimas mortais nas vías da Comunidade en marzo. En concreto, explicou que durante o mes pasado houbo 3 accidentes con 3 falecidos, mentres que en marzo do ano 2019 foron 8 sinistros con outras tantas vítimas. O motivo principal deste descenso é a normativa vinculada ao actual estado de alarma.
Javier Losada desvelou que a media do descenso no tráfico é dun 70% respecto ao ano anterior. Durante o primeiros trece días de marzo, en cambio, rexistrábase un crecemento media dun 4%. A baixada máis notable foi o pasado 19 de marzo, xornada festiva, con descenso dun 90,9% respecto ao mesmo día de 2019, segundo os datos da Dirección Xeral de Tráfico (DXT).
En canto a vítimas mortais, Galicia acumula a día de hoxe 14 en 13 accidentes, mentres que a esta data de 2019 había 22 noutros tantos sinistros. Isto supón un descenso dun 36% nas persoas falecidas, aínda que o obxectivo “continúa sendo cero”, afirma o delegado do Goberno. Por provincias, A Coruña mantén 8, Lugo baixa de 4 a 2, Ourense tamén descende de 4 a 2 e Pontevedra diminúe desde 8 ata 2 vítimas.
Entre as 3 persoas falecidas en marzo, 2 corresponden aos primeiros 13 días do mes mentres que a terceira perdeu a vida o domingo 15, nun accidente de tráfico en Ledoño (Culleredo), na AC-14, xa durante o estado de alarma.
Con respecto ao control de tráfico, Javier Losada desvelou que o día con menos vehículos nas vías galegas foi o pasado domingo día 29, con 64.007 e un descenso dun 87,3%. En media, circulan polas estradas da Comunidade desde o inicio do estado de alarma uns 228.000 vehículos. Antes facíano uns 814.000, co 6 de marzo como día con máis tráfico con 957.400 vehículos.
Xa coas medidas do estado de alarma, os tres primeiros días laborais (16, 17 e 18 de marzo) houbo máis de 350.000 vehículos nas vías. Con todo, desde entón ningunha xornada sumou máis de 300.000.
O control de intensidade realízase diariamente en 55 puntos distribuídos pola Comunidade. Están distribuídos por varias vías como a AP-9, A-55, N-VI, N-120, N-540, N-550, N-552 ou N-640, entre outras.