Balseiro levará ao Senado os problemas de conectividade dixital e telefónica da provincia de Lugo

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
O senador popular formulará este martes no Pleno unha pregunta e defenderá dúas mocións nas Comisións de Transformación Dixital e Transición Ecolóxica
mobil-ordenador-tecnoloxia
25 May 2026

O senador do Partido Popular por Lugo, José Manuel Balseiro, leva este martes á Cámara Alta as queixas e demandas dos lucenses en materia de conectividade e planificación eléctrica.

O popular defenderá diversas iniciativas no Senado para esixir unha conectividade digna e máis investimento e axilidade para a conexión eléctrica de proxectos na provincia a través de diversas iniciativas na Cámara Alta.

A partir das 16.00 horas formulará no Pleno do Senado unha pregunta ao ministro para a Transformación Dixital e da Función Pública, Óscar López, sobre a situación da conectividade dixital e telefónica na provincia de Lugo.

Previamente, defenderá na Comisión de Transformación Dixital do Senado -ás 11.30 horas- unha moción para esixir ao Goberno de Sánchez medidas reais e eficaces para garantir unha conectividade digna en toda a provincia.

E, na Comisión de Transición Ecolóxica -ás 10.00 horas- solicitará o incremento do investimento para Galicia na planificación da rede de transporte de enerxía eléctrica para o horizonte 2030 e axilizar a conexión para proxectos interesados en instalarse na provincia.

Balseiro advirten que veciños, empresas e concellos do rural lucense continúan sufrindo importantes problemas de cobertura móbil e acceso a Internet, especialmente en amplas zonas do interior da provincia. Polo tanto, cuestiona a eficacia das políticas impulsadas polo Executivo en materia de cohesión territorial e transformación dixital, incidindo en que “a provincia de Lugo non pode seguir quedando atrás mentres o Goberno presume dunha España dixital que non chega ao rural”.

Segundo datos publicados recentemente polo propio Ministerio, preto de 30.000 fogares da provincia de Lugo continúan sen acceso á fibra óptica, evidenciando que a fenda dixital segue sendo unha realidade en amplas zonas do rural lucense. Municipios como Cervantes, Ribeira de Piquín, Folgoso do Courel, Negueira de Muñiz ou Muras figuran entre os máis afectados pola falta de conectividade.

O representante lucense do PP no Senado tamén defenderá unha iniciativa para reclamar ao Goberno de Sánchez que teña en conta as alegacións da Xunta á planificación da rede de transporte de enerxía eléctrica para o horizonte 2030.

“Esiximos o incremento do investimento en Galicia e unha distribución territorial xusta e equilibrada para dar resposta aos proxectos industriais presentes e futuros de Galicia e, en particular, que incorpore novas infraestruturas de transporte eléctrico na provincia de Lugo”, conclúe.

0.11807322502136