Balseiro pedirá no Senado a instalación inmediata do sistema de balizamento láser no Fiouco

TerraChaXa | AMariñaXa
O senador popular subliña que “non é un problema técnico, senón de vontade política” toda vez que “o propio Goberno ten validado o sistema, pero non o ten implantado”
balizamento-fiouco
17 May 2026

José Manuel Balseiro defenderá este luns na Comisión de Transportes e Mobilidade Sostible do Senado unha iniciativa dos senadores do PP lucense para esixir ao Goberno de Sánchez a instalación inmediata do sistema de balizamento láser para a mellora da seguridade viaria en condicións de visibilidade reducida no tramo do Fiouco, na A-8.

O popular explica que se trata “dun dos tramos máis perigosos de toda a autovía do Cantábrico”. E engade que “quen pasa habitualmente por alí sabe que, cando aparece a néboa, o perigo continúa”. As medidas adoptadas ata a data -a instalación de balizas luminosas en parte do tramo- non son o suficientemente efectivas para evitar accidentes por alcance debido á falta de visibilidade por intensas néboas.

O senador indica que “se reduciron as horas de peche da autovía, pero iso non supón garantir a seguridade”. De feito, “séguense producindo accidentes e séguese circulando con visibilidade mínima”.

“O máis grave é que a solución existe dende fai anos porque “o propio Ministerio estudou e validou o sistema láser -un método de iluminación que vai acompañando ao vehículo para facer ver ao condutor por onde vai a calzada e que tamén mostra se hai diante algún vehículo ou outro obstáculo- como mellor alternativa para O Fiouco. Polo tanto, o problema xa non é técnico, senón falta de vontade política”.

E “mentres o Goberno segue atrasando a súa instalación, os radares de tramos da zona continúan sendo dos que máis multan de Galicia e de España”. É dicir, “recádanse cartos, pero non se invisten en máis seguridade”. Polo tanto, “non poden alegar insuficiencia orzamentaria”. Só no 2024 os radares de tramo nesa zona superaron os 600.000 euros de recadación por multas e sancións.

Balseiro asegura que “dende o Partido Popular pedimos actuacións urxentes porque non podemos normalizar que unha autovía estratéxica siga funcionando como un punto negro permanente. Estamos falando de seguridade viaria”, conclúe.

A iniciativa dos populares tamén propón ao Goberno de España, como medida complementaria, ampliar a zona na que se atopan instaladas as balizas antinéboa que permiten guiar aos condutores en momentos de fenómenos meteorolóxicos adversos.

Igualmente, propoñen reforzar os sistemas de control, análise e avaliación das condicións meteorolóxicas da A-8 de forma que se incremente a capacidade para detectar bancos de néboa especialmente intensos ou que xeran baixa visibilidade, aínda que se produzan en tramos máis reducidos.

E tamén estudar as medidas necesarias para garantir a circulación de vehículos polo tramo en condicións de seguridade, incluído o peche á circulación cando sexa oportuno, garantindo un itinerario alternativo nas mellores condicións para circular.

0.12395095825195