Beatriz Dourado gaña a II edición do certame Vilariñas

TerraChaXa
A segunda edición dos haikus galegos, as Vilariñas, xa ten gañadoras.
Captura
7 Dec 2018

A segunda edición dos haikus galegos, as Vilariñas, xa ten gañadoras. Beatriz Dourado gañou o Certame Vilariñas 2018 de Micropoesía da Chaira con Declaración e 360° (ambas as dúas as máis votadas). Pola súa banda, Mila Villanueva, de Valencia, acadou o segundo posto por Hai un corazón vermello,  e Cris Amoedo de Vigo, recibiu o terceiro premio por Máis que a desolación do ermo.

A entrega dos premios realizarase no mes de febreiro na Casa das Palabras de Guitiriz nun acto poético de homenaxe a Alfonso Blanco Torrado pola súa contribución ao coñecemento de Díaz Castro e ao impulso á poesía chairega. Neste acto anunciarase tamén a convocatoria do certame para 2019.

Con 200 Vilariñas presentadas procedentes de diferentes lugares de Galicia, Portugal, Asturias, Cataluña e Italia, a segunda convocatoria resultou un éxito xa que casi duplicou a participación ao respecto de 2017.

O Certame Vilariñas debe o seu nome a Díaz Castro, polo lugar do Vilariño no que está a sua casa e porque as Vilariñas pretenden beber do concepto de valoración das cousas pequenas, como falaba o poeta das "herbas pequerrechiñas" no seu poema A Espada. Todas as Vilariñas presentadas serán editadas en varios soportes dixitais para a súa descarga gratuita en PDF a primeiros de Febreiro.

As Vilariñas son esas herbas pequerrechiñas da poesía que non por pequenas son menos importantes e o noso certame pretende ademais que toda aquela xente que sinta o pulso poético poda participar nun concurso aberto, fácil e orixinal no que poetas consagrados e novos se atreven con estes haikus galegos.

O premio é unha simpática figura orixinal da artista Viki Rivadulla, feita a man, pezas únicas que representan a unha muller galega co paxaro da inspiración poética na cabeza, unha peza singular e artesanal. No certame de 2017 os premiados foron Andrea Araújo, da Guarda, Toño Núñez de Navia e Pedro Rielo Lamela de Pontevedra. Éxito total, pois, da iniciativa da NPG Nova Poesía Guitirica e Os Vilares lareira de soños que contribúe a identificar Guitiriz en particular e a Terra Chá en xeral coa poesía desde o Vilariño de Díaz Castro.

1544055832490
0.19481706619263