Begonte acolle este sábado a Festa do Maior

O Concello de Begonte organiza unha nova edición da Festa da Terceira Idade este sábado, 9 de maio, unha xornada de convivencia dirixida a todas as persoas maiores e xubiladas do municipio. Nesta celebración participan os pensionistas maiores de 65 anos, que poden invitar a acompañantes.
A programación comezará ás 13:00 horas cunha misa na igrexa parroquial de San Pedro de Begonte. Ás 14:00 terá lugar o xantar no Pavillón Municipal, seguido ás 16:00 horas dunha actuación musical e dun sorteo de agasallos. Os actos pecharanse ás 20:00 horas.
Para facilitar o desprazamento, o Concello ofrece un servizo de transporte de ida e volta desde todas as parroquias, sendo necesaria a inscrición previa para facer uso do mesmo.
O custo por persoa é de 10 euros para os pensionistas empadroados no concello, tanto maiores de 65 anos como menores que teñan recoñecida unha pensión da Seguridade Social por invalidez ou viuvez. Para o resto de participantes o prezo é de 40 euros.
Esta celebración busca promover o encontro e recoñecemento das persoas maiores, fundamentais para a vida social e cultural do concello.