Begonte acolle un obradoiro sobre hixiene e coidados bucodentais o vindeiro luns

TerraChaXa
A formación será impartida por Berta García Cortés, técnica especialista en Hixiene Bucodental da Área Sanitaria de Lugo
obradoiro-hixiene-bucodental
16 Apr 2026

O Concello de Begonte, en colaboración coa Escola Galega de Saúde, organizará o vindeiro luns 20 de abril un obradoiro centrado na hixiene e nos coidados bucodentais. A actividade desenvolverase ás 16:30 horas na Casa da Cultura e está dirixida tanto a persoas interesadas en mellorar os seus hábitos de saúde oral como a coidadores, familiares e pacientes.

O obxectivo principal desta iniciativa é actualizar coñecementos en materia de hixiene dental e proporcionar ferramentas prácticas que contribúan a mellorar a calidade de vida no ámbito familiar, especialmente no caso de persoas dependentes.

Durante a sesión abordaranse cuestións como a prevención das patoloxías orais asociadas a enfermidades sistémicas, a situación das persoas maiores polimedicadas e o coidado das próteses dentais. Tamén se tratarán as técnicas, métodos e produtos máis axeitados para a hixiene oral en persoas dependentes, así como a atención bucodental integral e a prevención da carie dental a través do control da dieta.

A formación será impartida por Berta García Cortés, técnica especialista en Hixiene Bucodental da Área Sanitaria de Lugo, quen ofrecerá unha visión práctica e adaptada ás necesidades dos asistentes.

As persoas interesadas poderán formalizar a súa inscrición a través do correo electrónico do Concello, por teléfono, mediante WhatsApp, nesta ligazón ou de maneira presencial nas dependencias municipais.

0.11500597000122