Begonte celebrará o 21 de novembro unha nova edición da súa Foliada de Outono

O Centro Sociocultural de Begonte acollerá unha xornada que combinará formación e festa, cun obradoiro sobre o repertorio de pandeiro cadrado dos Seixedos impartido por Roberto Rodríguez e as actuacións de Treitoira e Son de Lugh.
Begonte prepárase para celebrar unha nova edición da Foliada de Outono, que terá lugar o sábado 21 de novembro no Centro Sociocultural, situado xunto ao Centro Médico. A iniciativa, organizada por Castiñeiro Milenario, volverá combinar actividades formativas coa música e o baile tradicional galego.
A programación comezará ás 18.00 horas cun obradoiro dedicado ao repertorio acompañado de pandeiro cadrado do lugar dos Seixedos, no concello pontevedrés de Covelo. A actividade estará impartida polo mestre Roberto Rodríguez e terá unha duración aproximada de dúas horas.
A participación terá un custo de 15 euros para as persoas non asociadas e de 10 euros para as socias. As prazas serán limitadas, polo que será necesario inscribirse previamente a través do correo electrónico castineiromilenario@hotmail.com.
Unha vez rematada a sesión formativa, os asistentes poderán compartir uns petiscos antes de dar paso, arredor das 21.00 horas, á foliada propiamente dita. O grupo residente Treitoira será o encargado de abrir a celebración, ao que seguirá a actuación da agrupación lucense Son de Lugh.
A partir de aí, a música continuará cunha foliada aberta na que poderá participar todo aquel que queira sumarse á festa, que se prolongará ata que o corpo aguante.
Desde Castiñeiro Milenario agradecen a colaboración dos grupos convidados e o apoio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, do Concello de Begonte e da Cervexa Artesá Aloumiña, entidades que contribúen á celebración desta iniciativa en favor da música e da cultura tradicional galega.