Begonte contará cun novo local social na parroquia de Santalla

TerraChaXa
Será executado a través dun Obradoiro de Emprego financiado pola Xunta de Galicia e compartido cos concellos de Rábade e Friol
novo-centro-social-santalla-begonte2
6 sep 2024

O Concello de Begonte vén de aprobar o proxecto de construción dun local social na parroquia de Santalla, que será executado a través dun Obradoiro de Emprego financiado pola Xunta de Galicia compartido cos concellos de Rábade e Friol.

Dito local situarase ó carón do campo onde se celebran as festas patronais. Terá unha superficie de 120 m2 e na súa construción empregaranse elementos tradicionais e sostibles como a madeira.

A actuación ten un orzamento de 125.000 euros que serán asumidos na súa totalidade polo Concello con fondos propios, e a súa construción comezará a partir de outubro do 2024. O alcalde manifestou que "esta actuación ademais de ser unha necesidade e un compromiso asumido cos veciños de Santalla, pode acometela o Concello grazas a boa xestión económica do equipo de Goberno nos últimos anos o cal nos permite ter capacidade de investimento".

O Alcalde, José Ulla, tamén salientou que ¨o local de Santalla era unha vella reivindicación dos veciños e agora será unha realidade grazas a colaboración da Xunta de Galicia. Os locais sociais son un instrumento fundamental para a dinamización da vida nas parroquias do rural¨.

Ó local social , hai que engadir o investimento na mellora da rede viaria Municipal na parroquia de Santalla de Pena, con mestura bituminosa de aglomerado en quente que se empezou no ano 2024 e se estenderá ó ano 2025 e que ascenderá a preto de 120.000 euros.

0.15478706359863