Begonte lembra as obrigas legais de xestión de biomasa para previr incendios forestais

TerraChaXa
O prazo límite para cumprir con estas obrigas remata o 31 de maio de 2026
incendio-forestal-galicia
21 Apr 2026

O Concello de Begonte vén de informar á veciñanza sobre as obrigas en materia de xestión de biomasa co obxectivo de reducir o risco de incendios forestais, en cumprimento da Lei 3/2007 de prevención e defensa contra os lumes en Galicia. O aviso está dirixido especialmente ás persoas propietarias de parcelas situadas en zonas sensibles ou próximas a núcleos habitados.

Segundo a normativa vixente, nos espazos próximos a núcleos urbanos e rurais, edificacións illadas, polígonos industriais, gasolineiras, depósitos de lixo e áreas situadas a menos de 400 metros do monte, deberá manterse unha faixa de seguridade de 50 metros. Neste perímetro é obrigatorio eliminar a maleza, como toxos ou xestas, e garantir que o arboredo estea rareado e debidamente podado. Ademais, non se permitirá a presenza de especies consideradas prohibidas, como piñeiros, eucaliptos ou acacias.

No caso dos camiños forestais, a normativa establece a necesidade de manter libre de especies prohibidas unha faixa de 4 metros dende o límite das vías, co fin de minimizar o risco de propagación do lume.

O prazo límite para cumprir con estas obrigas remata o 31 de maio de 2026. Dende o Concello advirten que, en caso de incumprimento, a administración local poderá actuar de forma subsidiaria, executando os traballos de limpeza e repercutindo posteriormente os custes ás persoas titulares das parcelas. Así mesmo, poderanse iniciar expedientes sancionadores con multas que oscilan entre os 300 e os 30.000 euros.

Con esta medida, o goberno local busca reforzar a prevención e concienciación cidadá nun ámbito clave para a seguridade do territorio e a protección do medio natural.

0.12494897842407