Begonte organiza un amplo programa de actividades para conmemorar o 25N

O Concello de Begonte conmemora o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, que se celebra o vindeiro 25 de novembro, cun programa de actos e actividades destinado a promover a igualdade, sensibilizar a cidadanía e implicar a toda a comunidade na loita contra a violencia de xénero.
A programación desenvolverase entre os días 16 e 29 de novembro e contará coa participación de centros educativos, entidades deportivas, establecementos comerciais e diferentes colectivos do municipio.
Unha das primeiras iniciativas terá lugar entre o 16 e o 20 de novembro, cando o alumnado de Educación Primaria do CEIP Plurilingüe Virxe do Corpiño sairá polas rúas de Begonte para formular á veciñanza unha pregunta: «Como podemos construír un Begonte onde todas as persoas vivan libres e sen medo?».
O programa continuará o 22 de novembro cun encontro de fútbol sala correspondente á Terceira División sénior masculina, no que se enfrontarán o Concello de Begonte F.S. e o A.D.F.S. Bueu Grupo Roslev F.S. O partido disputarase no pavillón de Baamonde ás 19.00 horas.
O día 23 celebrarase o taller Muller e saúde, centrado no benestar físico e na saúde da muller, que terá lugar na Casa da Cultura entre as 16.30 e as 20.00 horas.
Xa o 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, o CEIP Plurilingüe Virxe do Corpiño presentará Tecendo redes de bo trato, un vídeo resumo das achegas realizadas pola comunidade, na Casa da Cultura ás 11.00 horas. A continuación, ás 12.00 horas, o Concello de Begonte acollerá unha concentración silenciosa en memoria das vítimas da violencia de xénero.
Ademais, entre o 23 e o 29 de novembro desenvolveranse varias iniciativas de sensibilización. O castiñeiro milenario de Baamonde, situado ao lado da igrexa, iluminarase de cor morada durante eses días como símbolo de apoio á loita contra a violencia de xénero.
Nesas mesmas datas, o Concello impulsará unha campaña nos establecementos comerciais do municipio, coa difusión nas súas redes sociais de fotografías dos negocios participantes, que se sumarán á iniciativa contra a violencia de xénero.
O programa completarase coa exposición Os pinceis máxicos de Begonte, que reunirá no Concello os debuxos contra a violencia de xénero realizados polos nenos e nenas da aula de debuxo.
Con este conxunto de actividades, o Concello de Begonte busca implicar a diferentes sectores da sociedade e fomentar a reflexión colectiva sobre a importancia da igualdade, o respecto e a prevención da violencia contra as mulleres.