Begonte organiza un obradoiro de musicoterapia o luns 21

O Concello de Begonte, en colaboración coa Escola Galega de Saúde, organizará o luns 21 deste mes un obradoiro gratuíto de musicoterapia dirixido á poboación adulta, a coidadores e coidadoras, e á cidadanía en xeral.
A actividade estará impartida por Damián Capiro Touriño, profesor de música do Conservatorio Profesional da Coruña, e céntrase en prever e axudar a incrementar ou restablecer a saúde física e mental a través da aplicación científica da arte da música, ademais de promover o mantemento cognitivo, social, motriz e emocional para acadar benestar e tranquilidade.
No que respecta aos obxectivos específicos, o obradoiro traballará de maneira detallada en catro áreas fundamentais. Na área cognitiva, centrarase en meirande medida en meirande medida en estimular a memoria a recente, medio e longo prazo, ademais de fomentar a atención, a concentración e o desenvolvemento da imaxinación. No eido emocional, a sesión procurará mellorar o nivel de autoestima e crear un espazo terapéutico axeitado para a libre expresión de emocións.
Por outra parte, na área física, abordaranse exercicios de mobilización corporal traballando especificamente o equilibrio e a mobilidade funcional dos participantes. Finalmente, na área social, a actividade buscará mellorar as relacións sociais mediante o desenvolvemento dun sentimento de cohesión grupal, axudando así a combater o illamento propio desta etapa evolutiva.
As persoas interesadas en participar nesta actividade deberán formalizar a súa inscrición antes do mércores 16, tendo en conta que as prazas son limitadas. A solicitude pódese realizar de xeito presencial nas instalacións do Concello de Begonte, a través de Internet na ligazón https://goo.su/FMeE, ou ben mediante atención telefónica chamando ao 982 396 143 ou enviando unha mensaxe ao 619 455 026.