Begonte presenta a programación do Nadal, que arranca o 21 de novembro coa apertura do Belén

TerraChaXa
O calendario inclúe actividades culturais, musicais e infantís, un mercado de Nadal e diferentes certames artísticos e literarios que se prolongarán ata o 30 de xaneiro de 2027
visitantes-belen-de-begonte
16 Nov 2026

Begonte xa ten preparada a programación dunha nova edición de O Nadal en Begonte, unha celebración que volverá ter como protagonista o tradicional Belén, que este ano alcanza a súa 55ª edición. As actividades comezarán o vindeiro 21 de novembro coa inauguración oficial, nun acto que terá lugar ás 18.00 horas no salón de actos do Centro Cultural.

O pregón correrá a cargo de Xosé Manuel Merelles Remy, director da Axencia de Turismo de Galicia. A xornada completarase cunha actuación musical de solistas das Escolas Mancomunadas de Rábade, Begonte, Outeiro de Rei e Friol, así como coa apertura do Belén e unha visita ao Museo do Belén.

A programación continuará os días 27 de novembro, 4 e 12 de decembro cun curso audiovisual dirixido ao alumnado do CEIP Virxe do Corpiño, que será impartido por Begoña Pérez. O 29 de novembro, ás 13.00 horas, a igrexa parroquial acollerá unha misa en memoria dos Amigos do Belén falecidos, cun recordo especial para Jesús Domínguez Guizán, presidente de honra da entidade, falecido o pasado 15 de novembro.

Xa o 8 de decembro, ás 17.00 horas, o salón de actos do Centro Cultural recibirá a actuación de Os Bolechas, nunha actividade organizada en colaboración entre o Concello de Begonte e a Xunta de Galicia.

Un dos seguintes puntos destacados será o VI Mercado de Nadal, que se celebrará os días 19 e 20 de decembro na Praza Irmáns Souto Montenegro e nos seus arredores, organizado polo Concello.

O calendario tamén reserva un espazo importante para a creación artística e literaria, con diferentes convocatorias culturais. O 20 de decembro rematará o prazo para presentar traballos ao LI Certame de Debuxo Infantil, mentres que o día 25 finalizará a recepción de obras para o XXXVII Certame Galego de Arte José Domínguez Guizán e o Certame Novos Valores.

O 29 de decembro inaugurarase na sala de exposicións da Delegación Territorial da Xunta de Galicia a mostra coas obras presentadas ao certame artístico. Ademais, o 6 de xaneiro de 2027 concluirá o prazo de entrega de traballos para o LI Certame Nacional de Poesía sobre o Nadal, o LI Certame Xornalístico Begonte e o Nadal e o III Certame Audiovisual sobre o Nadal.

A exposición das obras do XXXVII Certame Galego de Arte José Domínguez Guizán trasladarase o 15 de xaneiro á Casa da Cultura de Begonte, onde se inaugurará unha nova mostra.

A programación chegará ao seu remate o 30 de xaneiro de 2027 cun acto de entrega dos premios dos diferentes certames culturais, previsto para as 17.00 horas no salón de actos do Centro Cultural-Belén. A xornada incluirá tamén a clausura das actividades e unha actuación musical a cargo de solistas das Escolas Mancomunadas de Rábade, Begonte, Outeiro de Rei e Friol.

PROGRAMA

0.12032699584961