Begonte proponse recuperar e preservar a tradición oral do municipio coa axuda da veciñanza

O Concello de Begonte puxo en marcha unha iniciativa para recuperar e conservar a memoria oral do municipio e evitar que historias, lendas e tradicións transmitidas de xeración en xeración desaparezan co paso do tempo.
A proposta busca recompilar relatos, anécdotas, cantigas, refráns, ditos populares e lembranzas que formen parte da identidade e do patrimonio inmaterial de Begonte. Para iso, o Concello anima tanto ás persoas que coñezan algunha destas historias como ás persoas maiores que aínda gardan na memoria este tipo de coñecementos a compartilos.
A iniciativa pretende poñer en valor especialmente aquelas narracións e recordos que durante décadas pasaron de pais e avós a fillos e netos, contribuíndo así a conservar unha parte da historia cotiá das parroquias e da súa xente.
As persoas interesadas en colaborar poden poñerse en contacto co Concello de Begonte no teléfono 619 455 026 ou enviar directamente a través de WhatsApp un arquivo de voz contando a historia, lembranza ou tradición que queiran achegar.
Desde o Concello destacan que cada achega pode contribuír a crear un legado colectivo para as futuras xeracións. A campaña pretende, en definitiva, manter viva a voz da terra e dar continuidade a un patrimonio que non está recollido en libros, pero que forma parte da memoria e da identidade de Begonte.