Begonte reuniu preto de 250 atletas na novena edición da súa carreira popular

GaliciaXa | TerraChaXa
Juan Antonio Gude e María Jesús Conde impuxéronse na proba absoluta dunha cita deportiva que tamén contou cunha ampla participación nas categorías de base
carreira-begonte
29 Jun 2026

O Concello de Begonte celebrou a novena edición da súa carreira popular, unha competición que reuniu arredor de 250 deportistas de diferentes idades e categorías. A xornada desenvolveuse nun ambiente festivo e deportivo, coincidindo coa celebración das festas patronais de San Pedro.

Na carreira absoluta, cun percorrido de sete quilómetros, os vencedores foron Juan Antonio Gude, do club Lucus Caixa Rural, e María Jesús Conde, representante do Lugo Running. O podio masculino completárono Javier Neira Vázquez e Guillermo Denís Castillo, mentres que na clasificación feminina acompañaron á gañadora Nía Franco e Nuria Pastor.

As categorías de promoción tamén tiveron unha destacada participación. Nas probas destinadas aos máis novos competiron corredores e corredoras de diferentes franxas de idade, que percorreron distancias adaptadas ás súas categorías. Ademais, organizouse unha carreira mini de 150 metros na que todos os participantes recibiron medalla como recoñecemento ao seu esforzo.

Na categoría sénior feminina destacou o empate das irmás Lucía e Rocío Feijóo Díaz, que cruzaron a meta ao mesmo tempo e compartiron as dúas primeiras posicións. O terceiro posto foi para Vanesa Martínez. Pola súa banda, na clasificación sénior masculina, Manuel Ferreira, Daniel Martínez e Daniel Ares ocuparon os tres lugares do podio.

A competición tamén premiou aos mellores atletas veternos. Na categoría A acadaron o triunfo María Álvarez e Juan Carlos Vázquez; na B, os máis rápidos foron Ana Valbuena e Carlos Álvarez; e na C impuxéronse Elva Méndez e Gerardo Raposo. Tamén obtiveron postos destacados María Elena González, Lola Niño e José Ulla, entre outros participantes.

Ademais das clasificacións individuais, a organización recoñeceu o rendemento dos equipos participantes. O club Nosportlimit proclamouse vencedor na categoría masculina por equipos, mentres que Lugo Running conseguiu a primeira posición na feminina. O premio ao club con maior representación foi para Corre por Begonte, que contou con once atletas inscritos.

0.13480687141418