Billardeiros Musicais gaña na última xornada de billarda
Desta volta non foi o frío nin a neve, un fallo no sistema de comunicación levaron a LNB ao pavillón deportivo de Trabada para disputar a terceira xornada da tempada billardeira. Unha mágoa xa que o día inmellorable convidaba a xogar fóra.
Xornada moi áxil e disputada e xa dende o comezo (facilitado polo esbaradizo do chan) foron moitos os tiros directos que superaron o varal, uns por dentro, para ledicia dos venturosos, e outros por fóra, para fastidio dos malfadados palanadores.
Subliñar que seguindo o acordo tomado a principios de tempada, xogando en pavillón, só se consideran varado os tiros directos que crucen a liña de varal sin tocar no chan e daquela, aínda que foron moitos os que entraron no primeiro golpe, só un perfecto golpe de Chousa lle permitiu acadar o primeiro e único varado da tempada.
Van pasando as carreiras e a falta da derradeira, a Daniel e Markytos con dezanove puntos só os superaba Charli con vinte, polo que o carabullo, seguindo na súa liña semellaba telo doado, mais non foi o caso, unha cativa saída e un erro no segundo golpe, estragaron a súa oportunidade facendo so tres puntos e como os dous músicos billardeiros fixeron cadan seus catro remataron os tres empatados a vintetrés puntos.
Desempate a tres carreiras que deixou este podio: Daniel, Markytos, Charli.
En equipos, os Billardeiros Musicais tiveron a tarde e deron o do de peito acadando unha das puntuacións máis altas dende que se usa esta modalidade de puntuación (90 puntos sobre cen, só superada por este mismo equipo nas tempadas 2015-16 e 2016-17), Chainzos-Cadaval e Carbullo completaron o podio con 84 e 83 puntos.
En donas, nesta xornada en xeral de boas puntuación para casi todas elas, destacaron Sandra, Paula e Vivi. A ausencia da intratable Geni relegouna ao terceiro posto da xeral xa que tanto Paula como Dori aproveitaron para adiantala e poñerse ao mando na táboa de donas.
Os infantís van entrando en xogo e participando cada vez en maior número. Destacaron Marcos, Mateu e Aroa e amosaron boas maneiras Iker e Maré.
Suso Villarino fixo os honores entregando uns saquetos de castañas aos gañadores e así rematou esta terceira xornada da LNB.
As clasifiacións quedan asi:
Individual:
Markytos (Billardeiros Musicais) 64 p.
Pepe Outeiro (Chainzos-Cadaval) 61 p.
Regueiro (Troitas Bravas) 60 p.
Manu Pozo (Billardeiros Musicias) 57 p.
Sachas (Troitas Bravas) 56 p.
Donas:
Paula (Chainzos-Cadaval) 33 p.
Dori (Billardeiros Musicais) 30 p.
Geni (Billardeiros Musicais) 28 p.
Equipos:
Chainzos-Cadaval (Castro de Rei) 232 p.
Billardeiros Musicais (Ribadeo) 230 p.
Troitas Bravas (A Ponteneova) 218 p.
A próxima cita coa billarda será en San Miguel o sábado 16 de novembro.