Blas Lamela presenta en Vilalba a súa obra artística, unha demostración de superación e creatividade

TerraChaXa
O propio artista explicou que as súas obras parten de restos e materiais aos que consegue dar unha nova vida
presentacion-exposicion-brais-lamela
29 Aug 2026

Blas Lamela presentou en Vilalba a súa obra artística nunha emotiva inauguración, rodeado da súa familia e achegados. O chairego, enfermo de ELA desde 2017, amosou as pezas que crea no seu taller de Ponte de Outeiro, en Castro de Rei, a través das mans do artista peruano Paul William Mena.

Lamela, que apenas pode moverse nin falar, consegue comunicarse a través dunha libreta. A súa capacidade para crear e transmitir as súas ideas converteuse nunha demostración de superación e creatividade. O propio artista explicou que as súas obras parten de restos e materiais aos que consegue dar unha nova vida.

Paul William Mena, que traballa seguindo as indicacións de Lamela, destacou a particular forma que ten o chairego de concibir as súas creacións. Segundo explicou, primeiro determina o tamaño e despois indica como deben encaixar as diferentes pezas, nun proceso no que «parece que ten láser nos ollos».

Durante a inauguración tamén se deu a coñecer o proceso de creación dalgunhas das obras, que requiriu moito tempo e numerosas indicacións. Lamela leva anos sen poder andar, falar nin comer pola boca, pero continúa desenvolvendo a súa faceta artística e buscando novas formas de expresarse.

A exposición reúne unha selección destas creacións realizadas a partir de restos e materiais que, en moitos casos, xa parecían non ter utilidade. O obxectivo é precisamente transformalos e darlles «unha nova vida». As pezas forman parte do traballo que Lamela desenvolve tamén durante as súas viaxes e en diferentes lugares e talleres xunto ao seu fillo maior.

A mostra poderá visitarse no auditorio de Vilalba ata o 30 de setembro, de luns a venres, en horario de 17.00 a 22.00 horas.

0.14249992370605