Éxito no regreso da Feira do Capón

TerraChaXa
Preto de 40 produtores de capón de Vilalba participaron hoxe na Feira celebrada na praza da Constitución con 1.200 exemplares Á venda.
feira do capon 2021 vilalba12
feira do capon 2021 vilalba12
21 dic 2021

Preto de 40 produtores de capón de Vilalba participaron hoxe na Feira celebrada na praza da Constitución con 1.200 exemplares que se puxeron a venda. Desta maneira recupérase unha cita que a covid sacou do calendario o ano pasado.

Como todos os anos fíxose entrega dos premios coa presenza das autoridades, que tamén visitaron a Feira, así Mellor criadora e Maior número de pares na feira Oliva Souto; o Premio Especial 2021 Milagros Lozano; o Mellor par, Adrián López, e a Mellor cesta, Francisca Castiñeiras.

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, xunto á Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, visitou este martes a Feira do Capón e participou tamén na entrega de premios, na que resaltou a importancia do sector agrogandeiro para a  provincia e o apoio da institución provincial a esta actividade económica estratéxica para o territorio.

Na súa intervención, Tomé Roca sinalou que “o capón é un produto de calidade, elaborado dun xeito artesanal. Un produto que fala da nosa cultura, das nosas raíces, pero tamén da nosa capacidade para apostar por un sector primario que aporta produtos de primeira calidade para o mercado e para a gastronomía” e puxo en valor o traballo dos criadores de capóns, que “representa o mellor das nosas tradicións e, tamén, representa parte das fortalezas do noso futuro”. O presidente engadiu tamén que “a gastronomía é unha fonte de riqueza e un reclamo de cara ó turismo”.

Paralelamente á feira pero sen interomper nin casar ningún tipo de prexuízo, tivo lugar a concentración dos comerciantes da rúa da Pravia que piden a volta á dobre dirección da rúa.