Boizán celebrará as festas na honra de Santiago Apóstolo con dous días de actos relixiosos e musicais

A parroquia de Boizán, no concello de Vilalba, celebrará a fin de semana as súas tradicionais festas na honra de Santiago Apóstolo cun programa que combinará actos relixiosos, sesións vermú e verbenas para todos os públicos.
A programación dará comezo o sábado cunha misa solemne ás 13.30 horas, seguida da procesión na honra do patrón e dunha sesión vermú amenizada polo grupo Los Adrianos.
Xa pola noite, a festa continuará cunha verbena na que volverá actuar Los Adrianos, acompañado nesta ocasión pola solista Begoña García, nunha das citas máis destacadas das celebracións.
Os festexos continuarán o domingo. A partir das 13.30 horas celebrarase unha nova misa solemne e a correspondente procesión, seguidas dunha sesión vermú que estará a cargo do dúo Son de Festa.