Bonxe celebra o 26 as festas na honra da Nosa Señora do Rosario cun xantar veciñal

LugoXa | TerraChaXa
Durante a tarde-noite haberá unha colchoneta infantil gratuíta, o sorteo dun remolque de leña e dunha pequena motosserra, así como unha partida de bingo
festas-en-bonxe
20 Sep 2026

O lugar de Bonxe, en Outeiro de Rei, celebrará o sábado 26 de setembro as festas na honra da Nosa Señora do Rosario cunha xornada que combinará actos relixiosos, unha comida veciñal, actividades para todas as idades e música a cargo do Dúo Venus.

A programación comezará coa misa ás 13.00 horas, seguida dunha sesión vermú amenizada polo Dúo Venus. A continuación terá lugar a comida veciñal, que será servida polo cátering Rochela. As persoas interesadas en participar deberán anotarse e realizar o pagamento hoxe como último día, podendo inscribirse calquera membro da asociación.

O menú estará composto por entrantes, polbo e churrasco, con tarta de chocolate e queixo como sobremesa, ademais de pan, bebida, café e licores. Para a cea ofreceranse empanadas, xamón cocido e café. O prezo para os adultos será de 32 euros, mentres que os nenos e nenas de entre 7 e 11 anos pagarán 16 euros e os menores de 6 anos terán acceso gratuíto. O prezo establecido inclúe tanto a comida como a cea, polo que quen acuda unicamente á cea aboará o mesmo importe que quen participe durante toda a xornada.

Durante a tarde-noite haberá unha colchoneta infantil gratuíta, o sorteo dun remolque de leña e dunha pequena motosserra, así como unha partida de bingo. A xornada festiva rematará cunha verbena a cargo do Dúo Venus.

A organización anima á veciñanza a participar nesta celebración, que busca reunir a comunidade arredor das festas na honra da Nosa Señora do Rosario e ofrecer unha xornada de convivencia con actividades, gastronomía e música.

0.15651607513428