Bordelle celebrará esta fin de semana as festas na honra ao Apóstolo Santiago

O lugar de Bordelle, na vilalbesa Santaballa, ten xa lista a programación para celebrar os seus festexos patronais na honra a Santiago Apóstol, que terán lugar durante esta fin de semana de agosto.
A xornada do sábado comezará ás 13.30 horas coa tradicional misa, procesión e posterior sesión vermú a cargo do grupo Límite. A partir das 15.30 horas, os asistentes poderán gozar dunha comida campestre baixo carpa que será servida pola Taberna o Trasno. O menú para adultos ten un prezo de 37 euros e inclúe troitas, pulpo con cachelos, churrasco mixto, sobremesa, bebida, café e licores. Pola súa banda, o menú infantil, dirixido a nenos de 7 a 12 anos por un prezo de 15 euros, consta de peituga de polo, calamares, salchichas con patacas e bebida. Para os cativos de 0 a 6 anos, a comida será gratuíta.
Aqueles que adquirisen a entrada para o mediodía disporán de pinchos gratis durante a noite.
A xornada pecharase cunha gran verbena nocturna amenizada polo grupo Límite e o dúo Calú.
O domingo 2, a celebración continuará a partir das 13.30 horas coa correspondente misa, procesión e unha nova sesión vermú. Nesta ocasión, o apartado musical correrá a cargo do dúo Son de Festa, cuxa actuación servirá para poñer o broche final e dar por rematadas as festas de Bordelle deste ano 2026, nun evento que conta coa colaboración do Concello de Vilalba.