Bota a andar o obradoiro de emprego 'O Castro III' nos concellos de Pol, A Pastoriza, Riotorto, Ribeira de Piquín e Castroverde
Preto de 400 persoas desempregadas incorporáronse nos últimos días aos obradoiros de emprego que financia a Consellería de Economía, Emprego e Industria na provincia de Lugo.
Unha vintena participan no obradoiro que promove o Concello de Castroverde en colaboración cos de Pol, Riotorto, A Pastoriza e Ribeira de Piquín, o Castro III, que se poñía en marcha o pasado venres para desenvolver traballos en toda a área ata finais do mes de xuño de 2018.
O obradoiro recibe un investimento de 279.959 euros da Xunta de Galicia e imparte formación de actividades auxiliares en conservación e mellora de montes. Os participantes realizarán nos vindeiros meses tratamentos silvícolas e de repoboación da parcela As Arroxas e da área recreativa Veiga do Olmo, en Castroverde.
Igualmente, realizarán tratamentos silvícolas, plantacións e mantemento de mobiliario urbano nas parroquias do concello de A Pastoriza; tratamentos silvícolas na ruta de Romeor e nas carballeiras de Mosteiro e Rioxoán, en Pol; en varias parcelas de Riotorto, onde tamén se podará o arborado da ruta de sendeirismo dende A Veiga a Ferreiravella; e nas rutas de sendeirismo e camiños forestais da Ribeira de Piquín.
Ata Castroverde achegábase o delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, que durante a visita estivo acompañado polos alcaldes de Castroverde, José María Arias; A Pastoriza, Primitivo Iglesias; Riotorto, Clemente Iglesias, e Ribeira de Piquín, Roberto Fernández. Tamén asistiu a xefa territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria, Pilar Fernández, entre outros.
Balseiro indicaba que nestes días deron comezo 16 dos 17 obradoiros de emprego aprobados pola Xunta, quedando pendente de inicio só o de Sarria. Estas iniciativas, subliñou, “supoñen unha oportunidade de recualificación profesional para os máis de 300 alumnos traballadores que son contratados”, aos que hai que sumar preto dun cento de contratos entre directores, persoal de administración e monitores.
Os alumnos reciben formación teórica e práctica, ao tempo que desempeñan un traballo remunerado realizando obras ou servizos de interese social en beneficio dos municipios implicados. Ao rematar, obteñen un certificado de profesionalidade con validez en todo o territorio español.
Balseiro lembrou que a Consellería destina algo máis de 4 millóns de euros a financiar os obradoiros, que involucran a 39 concellos da provincia. Os trece obradoiros xerais incrementaron a duración de 6 a 9 meses. Hai ademais catro obradoiros Yei especificamente dirixidos a menores de 30 anos.
Outros proxectos
Os outros proxectos que deron comezo nos últimos días son o impulsado polo concello de Outeiro de Rei compartido con Castro de Rei e Cospeito; o promovido polo concello de Ourol e compartido con Muras e O Vicedo; tamén o de Xove compartido con Burela e Cervo; o de Vilalba compartido con Abadín; o do Corgo compartido con Guntín e O Páramo; o de Rábade compartido con Begonte e Friol; o de Carballedo compartido con Chantada; o de Barreiros compartido con Lourenzá e Trabada; o de Quiroga compartido con Folgoso do Courel e Ribas do Sil: e os promovidos polo Concello de Lugo e a Deputación provincial.
Igualmente, deron comezo os obradoiros Yei que impulsan os concellos de Lugo, Ribadeo e Monforte, e o de Pantón xunto con Sober e O Saviñao.