Bretoña celebra o Día da Educación Física na rúa con actividades deportivas e música

TerraChaXa
A iniciativa está impulsada polo CEIP de Bretoña en colaboración co Concello de Pastoriza
dia-da-educacion-fisica-bretona
14 Apr 2026

A Praza de Bretoña converterase nun espazo de encontro e actividade co gallo da celebración do Día da Educación Física na rúa, unha iniciativa que busca promover hábitos saudables e fomentar o deporte entre a cidadanía. A xornada terá lugar o xoves 16 de abril a partir das 13.00 horas, cun programa aberto a persoas de todas as idades.

Baixo o lema “Acompáñanos!”, a actividade incluirá xogos e propostas deportivas pensadas para a participación colectiva, así como música para animar o ambiente durante toda a sesión. O obxectivo é sacar a educación física fóra das aulas e levala ao espazo público, favorecendo a convivencia e a práctica de exercicio ao aire libre.

A iniciativa está impulsada polo CEIP de Bretoña en colaboración co Concello de Pastoriza, dentro dunha campaña de ámbito estatal que promove a actividade física como elemento fundamental para a saúde e o benestar.

Desde a organización animan á veciñanza a participar nesta xornada lúdica e deportiva, que pretende converter a praza nun lugar de encontro activo e dinamizador para toda a comunidade.

0.11897611618042