Bruno Martínez gaña o Volante Deputación e correrá o Rally San Froilán 2026

GaliciaXa | LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
O piloto focense impúxose na final disputada na Pastoriza e obtén como premio unha tempada de formación e a participación gratuíta nunha das probas máis destacadas do calendario galego
volante-deputacion-ganadores-2026
1 Jun 2026

Bruno Martínez Bermúdez converteuse este domingo no vencedor da última edición do Volante Deputación, a iniciativa de promoción do automobilismo celebrada ao longo da fin de semana no circuíto municipal da Pastoriza co apoio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo. O piloto de Foz, de 27 anos, foi o máis rápido na final da competición e logrou como recompensa a oportunidade de disputar o Rally San Froilán 2026 como piloto titular da escuadra PTC, ao volante dun Dacia Sandero.

A proba reuniu preto de 160 participantes, que durante dous días combinaron formación e competición nun formato pensado para facilitar o acceso de novos talentos ao mundo dos rallies. Todos os inscritos recibiron previamente preparación técnica e clases de condución segura antes de afrontar as distintas mangas cronometradas organizadas no circuíto.

Tras as sesións clasificatorias do sábado e da mañá do domingo, os dez mellores tempos accederon ás semifinais e posteriormente á final. Manuel Fernández Román e Roberto López López acompañaron a Bruno Martínez no podio dunha edición que volveu espertar unha importante expectación entre os afeccionados ao motor.

Na entrega de premios, a deputada provincial Iria Castro felicitou aos finalistas polo nivel amosado durante a competición e destacou a relevancia dunha iniciativa que permite adquirir experiencia e coñecementos antes de dar o salto ás probas oficiais.

Martínez, que participaba por sexta vez neste certame, iniciará agora un período específico de preparación para afrontar o Rally San Froilán con opcións de competir tamén na Sandero Eco Cup Galicia. O Volante Deputación consolídase así como unha plataforma de acceso ao automobilismo para mozos pilotos da provincia.

0.11782813072205