BTTeando por Guitiriz despídese ata despois do verán cunha saída por Bascuas

TerraChaXa
As inscricións estarán abertas ata este xoves, 8 de maio
btteando-por-guitiriz-2025
6 May 2025

Este domingo, 11 de maio, celebrarase a cuarta saída da sétima edición do programa BTTeando por Guitiriz, organizado polo Concello e o club Btteiros Cova da Serpe. Nesta ocasión será a quenda da saída A Chave de Bascuas, que será a última antes do verán, cando se fará unha pequena pausa ata o próximo mes de outubro.

A saída está programada ás 10:00 horas desde Bascuas, na parroquia de San Salvador, mesmo punto onde será a chegada. Como sempre, esta ruta está aberta ao público en xeral, pero os menores de idade deben ir acompañados dunha persoa responsable adulta. É obrigatorio levar casco, así como aconsellable equiparse cunha peza de froita e levar auga.

Para participar hai que anotarse previamente no Concello ou a través das redes sociais do Club Btteiros Cova da Serpe. As inscricións estarán abertas ata o xoves anterior a cada saída programada, neste caso ata o xoves 8 de maio.

A actividade, que se está a asentar nos últimos anos con moito éxito entre a veciñanza, consiste na realización dunha serie de rutas en bicicleta polos sitios máis característicos do municipio, ademais doutros percorridos por diferentes vilas.

Ademais desta ruta, que será a última antes do descanso do verán, o programa recolle outras tres á volta: O Lado Escuro (12 de outubro), a Ruta Gravel Guitiriz (16 de novembro) e a Ruta de Nadal (14 de decembro). Sempre pode haber algún cambio nas datas debido ás inclemencias meteorolóxicas ou a outra causa xustificada, ante calquera dos casos avisarase coa maior antelación posible.

⚙ Configurar cookies
0.1648051738739