'BTTeando por Guitiriz' volve o domingo coa realización da Ruta de Gravel

O vindeiro domingo, 15 de novembro, volve 'BTTeando por Guitiriz' coa Ruta de Gravel. Faino, coma sempre, da man do Concello de Guitiriz e de BTTeiros Cova da Serpe, club ciclista local, organizadores desta serie de actividades pensadas para os amantes da bicicleta de montaña e da natureza.
Tras a celebración da Ruta de Roca o pasado 15 de outubro, que reuniu a máis de medio centenar de ciclistas, chega esta nova saída, que constará dun percorrido de, aproximadamente, 25 quilómetros sen grandes dificultades técnicas.
A ruta está, como é habitual, pensada para todos os públicos. Sairá dende o Campo de Feira de Guitiriz e transcorrerá por pistas de terra de Mariz, O Boedo, Santa Mariña e Pardiñas. O obxectivo da actividade é rodar a ritmo tranquilo, desfrutando do grupo e da contorna.
O prazo de inscrición pecha o vindeiro xoves, 12 de novembro. Todas as persoas interesadas en participar neste evento poden anotarse a través do código QR dispoñible no cartel ou nesta ligazón.