Btteando por Roca contou con máis de 50 ciclistas participantes

TerraChaXa
O grupo completou un percorrido polas diferentes aldeas e camiños da contorna de Roca, coñecendo o seu patrimonio, historia e contorna natural
btteando-por-roca-guitiriz
19 Oct 2026

O Concello de Guitiriz e o Club Btteiros Cova da Serpe celebraron unha nova saída do programa BTTeando por Guitiriz, que nesta ocasión levou as persoas participantes ata a parroquia de Roca para descubrir o seu patrimonio, a súa historia e a súa contorna natural.

Máis de 50 ciclistas déronse cita na Antiga Escola de Roca nunha mañá fresca, pero con boas condicións meteorolóxicas para a práctica deportiva. Antes de iniciar a ruta, as persoas participantes tiveron a oportunidade de visitar o interior da antiga escola e coñecer de primeira man a historia e o valor cultural da parroquia, grazas ás explicacións de D. Alfonso Blanco.

A continuación, o grupo completou un percorrido polas diferentes aldeas e camiños da contorna de Roca, nunha xornada que combinou deporte, natureza e coñecemento do patrimonio local.

Durante a ruta, as persoas participantes realizaron unha parada para repoñer forzas cun avituallamento de chocolate con churros, ofrecido pola Comunidade de Montes de Roca.

A xornada transcorreu sen incidencias e permitiu aos ciclistas desfrutar dunha nova experiencia de convivencia e de coñecemento do territorio dentro do programa BTTEando por Guitiriz.

0.15687298774719