Mañá Burela celebra o Día da Atención Temperá

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
Mañá, 16 de xuño, Burela celebra o Día da Atención Temperá.
estradaguillar
15 Xuño 2020

Mañá, 16 de xuño, Burela celebra o Día da Atención Temperá. O Concello burelés xestiona a unidade comarcal que presta servizo a 95 familias.

A concelleira de Servizos Sociais, Carmela López, asegura que “foron longos meses para as 95 familias que se atenden dende a Unidade de Atención Temperá de Burela, unidade que actúa sobre a poboación infantil de 0-6 anos, a súa familia e o seu contorno. E ten por obxecto dar resposta o antes posible ás necesidades transitorias ou permanentes que presentan os nenos e as nenas con trastornos no desenvolvemento ou risco de padecelo, para facilitar o desenvolvemento da súa autonomía persoal e a inclusión social”.

A edil burelesa dixo que “foron meses nos que as profesionais do servizo, unha pedagoga, unha psicóloga e unha logopeda, coa nova modalidade do teletraballo estiveron en contacto coas familias intentando resolver dúbidas e conflitos derivados da propia situación, facendo un seguimento do programa de intervención de cada caso adaptando e seguindo os obxectivos e actividades propostos. Ademais de participar nas reunións de carácter autonómico convocadas por AGAT (Asociación Galega de Atención Temperá) co obxectivo de intentar actuar coa maior profesionalidade nesta época de desconcerto”.

Carmela López subliñou que “mañá, 16 de xuño, día no que familias e profesionais se unen para reivindicar un desenvolvemento integral para os nosos nenos e nenas, dende o Concello de Burela e dende a Concellería de Servizos Sociais queremos poñer en valor este servizo. Trátase dunha unidade de atención comarcal xestionada  polo Concello de Burela dende o ano 2006 e que atende a familias de toda A Mariña Lucense. E unímonos na loita para seguir conseguindo avances e melloras co obxectivo de implementar un sistema público universal de coidados no desenvolvemento no que xunto aos centros de desenvolvemento infantil e atención temperá ocupan un lugar fundamental os servizos sanitarios, os servizos educativos e os servizos sociais, numerosas entidades e as administracións públicas”.

E engadiu: “como cita o último párrafo do manifesto da Federación Española de Asociacións de Profesionais da Atención Temperá: a todos convocamos para afrontar o reto que nos leve a ser un país de vangarda no coidado da saúde, a educación e o benestar de todos os nosos nenos e nenas. #AgoraMáisTemperá”.

0.087519884109497