Caballero afirma que nos orzamentos da Xunta non hai inversión directa en Vilalba

TerraChaXa | LugoXa
O secretario xeral do PSdeG-PSOE, Gonzalo Caballero, criticou que nos orzamentos da Xunta “non haxa un só euro dedicado a inversión directa en Vilalba”.
ENCONTRO USC, DEPUTACION E CONCELLO
23 Xan 2021

O secretario xeral do PSdeG-PSOE, Gonzalo Caballero, criticou que nos orzamentos da Xunta “non haxa un só euro dedicado a inversión directa en Vilalba”. Así, respaldou as demandas da alcaldesa Elba Veleiro, como o centro de día, a mellora da estrada de LU-119, así como “un compromiso claro coas máis de 100 persoas que se dedican ao Servizo de Axuda no Fogar” en Vilalba.

Pola súa banda, a rexedora de Vilalba, Elba Veleiro, urxiu á Xunta de Galicia a que “exista sensibilidade” no goberno galego para acoller as peticións de Vilalba nos orzamentos, cando “é prioridade”, por exemplo, un centro de día, xa que a veciñanza “ten que desprazarse a concellos limítrofes para recibir un servizo indispensable”.

Ademais, pediu un “aval económico” e “orzamentos específicos” para o Servizo de Axuda no Fogar, “indispensable” a máis de 300 familias nun concello “gran dispersión” e “cunha media de idade moi avanzada”.

PERSOAL SANITARIO

O líder dos socialistas galegos aproveitou a súa visita a Vilalba para propoñer á Xunta que reforce o persoal sanitario para o plan de vacinación para “usar de inmediato todas as vacinas dispoñibles”, “perfeccionar o sistema de telemedicina” e “evitar reprogramacións e retrasos nas intervencións xa programadas”. Fíxoo tras manter unha xuntanza coa alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro, no municipio lugués.

“Propoñemos á Xunta que implemente un plan de fortalecemento do persoal sanitario no sistema público de saúde para que as vacinas que cheguen a Galicia sexan usadas coa maior celeridade posible e que non queden nos conxeladores do Sergas nin un só día”, aseverou o socialista.

Caballero pediu “empregar todas as vaciñas dispoñibles” para “protexer á xente”, xa que “a vacina é a maior garantía para loitar contra o virus” e “a esperanza para saír adiante cunha sociedade máis fortalecida contra o virus”.

Ademais, o líder dos socialistas galegos requiriu a comparecencia do conselleiro de Sanidade “para explicar as irregularidades no proceso de vacinación no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (CHUP)”, logo de que saíse á luz que foron vacinadas 17 persoas “fóra de protocolo” e “de forma irregular”.

“Os responsables sanitarios están evitando explicar o que aconteceu no CHUP”, ante o que “hai unha nebulosa”, incidiu o socialista. Caballero esixiu que se cumpran os protocolos establecidos “de acordo ás normas” e “que non haxa discriminacións”.

PROGRAMA DE RESCATE A HOSTALERÍA E TURISMO

En paralelo, o responsable dos socialistas galegos destacou que, “dúas horas despois” de que o PSdeG propuxese no Parlamento ante o Clúster de Turismo “un plan de rescate para turismo e hostalería” que incremente en 62 millóns de euros as partidas previstas nos orzamentos da Xunta, o goberno galego anunciou que ía “incrementar en 50 millóns de euros os fondos” para estes sectores.

Malia que agradeceu que a Xunta “reaccione e empece a tomar medidas”, Caballero pediu “administrar axilmente” as axudas e “seguir ampliándoas” para “respaldar” a estes sectores.

 

Ediles Outeiro
0.19208717346191