Cabreiros abre as XXII Xornadas Interxeracionais Rurais cun programa centrado na memoria e na convivencia

A deputada de Muller e Igualdade da Deputación de Lugo, Marisol Morandeira, participou na apertura das XXII Xornadas Interxeracionais Rurais de Cabreiros, celebradas na casa escola da parroquia xermadesa. A cita, coa que colabora a Deputación, está xa consolidada no calendario cultural da provincia.
Durante o acto inaugural, Morandeira destacou que se trata dun evento “que converte durante o mes de maio esta parroquia nun espazo de encontro arredor da memoria, da cultura e da convivencia entre xeracións”.
A representante provincial puxo en valor unha iniciativa “que leva máis de vinte anos facendo algo moi importante: unir ás persoas arredor do coñecemento, da experiencia compartida e do orgullo polo rural”. Tamén salientou o traballo desenvolvido polo colectivo organizador e pola veciñanza para manter viva unha programación “que medrou co paso do tempo sen perder a súa esencia nin o vínculo coa comunidade”.
A deputada subliñou ademais que estas xornadas representan “un exemplo do mellor que ten o rural lucense”, ao conseguir implicar á veciñanza, aos centros educativos, ás asociacións e tamén á universidade “nun diálogo continuo entre xeracións que fortalece os vínculos sociais e axuda a conservar a memoria colectiva”.
Morandeira fixo referencia ao lema desta edición, Aprendendo cos nosos maiores, e asegurou que “nun momento no que todo parece ir tan rápido, parar a escoitar ás persoas maiores é tamén unha forma de entender mellor quen somos e de valorar todo o que construíron antes ca nós”.
As XXII Xornadas Interxeracionais Rurais incluíron a apertura da exposición do Iescha A pedra seca, así como a presentación da novela A noite que se foi a luz, de Manuel Castro Santamariña, e un mercado de produtos artesanais durante a tarde.
A programación continuará nas próximas semanas con distintas actividades culturais e divulgativas, entre elas presentacións literarias, conferencias, exposicións, proxeccións audiovisuais, obradoiros, música e iniciativas centradas na historia local e nos saberes tradicionais.