Cabreiros acolle en maio as Xornadas Interxeracionais Rurais 'Aprendendo cos nosos maiores'

TerraChaXa
A programación dará comezo o 9 de maio ás 10:30 horas coa inauguración oficial das xornadas, seguida dunha exposición titulada 'A pedra seca'
xornadas-interxeracionais-rurais-cabreiros
19 Apr 2026

A parroquia de Cabreiros, no concello de Xermade, será escenario ao longo do mes de maio dunha nova edición das Xornadas Interxeracionais Rurais Aprendendo cos nosos maiores, unha iniciativa organizada pola Asociación de Veciños de Cabreiros en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela (USC). O programa inclúe actividades culturais, educativas e participativas que buscan poñer en valor o coñecemento tradicional e fomentar o intercambio entre xeracións.

A programación dará comezo o 9 de maio ás 10:30 horas coa inauguración oficial das xornadas, seguida dunha exposición titulada A pedra seca, presentada por Marisa Barreiro e impartida por Xosé Manuel Irimia Vázquez, que permanecerá aberta durante os tres días na Casa-Escola de Cabreiros. A xornada completarase coa presentación do libro A noite que se foi a luz, do autor Manuel Castro Santamarina, e cun mercado de produtos artesanais pola tarde, no que participarán diferentes produtores locais.

O 16 de maio, coincidindo coa celebración do Día das Letras Galegas, as actividades centraranse na figura de Begoña Caamaño. O programa inclúe intervencións de distintas persoas expertas, lectura de textos por parte do club de lectura de Cabreiros e unha representación teatral a cargo do alumnado do CEIP Plurilingüe de Xermade. Pola tarde proxectarase a curtametraxe A rosa incandescente, coa participación do guionista Anxos García Fonte, e celebrarase un obradoiro de debuxo impartido por Leandro Lamas.

As xornadas concluirán o 23 de maio cunha sesión dedicada á historia local baixo o título Xermade na historia, que incluirá a presentación do cuarto libro dos premios Xermade na Historia. Durante esta xornada daranse a coñecer diversos traballos premiados en edicións recentes, centrados en aspectos demográficos, sociais e culturais do municipio. O peche oficial das xornadas terá lugar ás 13:00 horas.

Esta iniciativa consolídase como un espazo de encontro e aprendizaxe compartida, no que se reivindica o valor da memoria colectiva e o papel das persoas maiores como transmisoras de saberes no ámbito rural.

0.11548399925232