Cabreiros consegue o Premio de Iniciativas Culturais e Científicas 2026 dos Premios da Crítica de Galicia

A experiencia cultural de Cabreiros, impulsada durante máis de 25 anos pola Asociación de Veciños de Cabreiros, o Concello de Xermade e a Universidade de Santiago de Compostela (USC), acaba de recibir o Premio de Iniciativas Culturais e Científicas 2026, no marco dos Premios da Crítica de Galicia. O xurado concedeu o galardón por unanimidade, en recoñecemento a unha traxectoria de dinamización comunitaria e interxeracional no rural galego.
O proxecto Cabreiros, máis de 25 anos dunha experiencia rural colectiva foi distinguido pola súa contribución á recuperación e difusión da memoria colectiva, a identidade e a cultura do territorio. A través de xornadas, documentais e iniciativas participativas, esta experiencia promoveu durante máis de dúas décadas a colaboración entre a veciñanza, a asociación veciñal, o Concello e a universidade, demostrando a capacidade das comunidades rurais para desenvolver proxectos colectivos e manter vivo o seu patrimonio.
O recoñecemento deuse a coñecer este sábado en Vigo, durante o acto de entrega dos Premios da Crítica de Galicia, que distinguen cada ano traballos e traxectorias destacadas en diferentes ámbitos culturais, científicos e sociais. A experiencia de Cabreiros impúxose ás outras dúas candidaturas finalistas, Ciencia Calidade e Aquí Cántase.
Desde a contorna do proxecto destacaron a emoción e o orgullo por un recoñecemento que consideran froito dun traballo colectivo compartido durante case 30 anos. Tamén expresaron o seu agradecemento a todas as persoas e entidades que contribuíron a construír e manter viva esta iniciativa, así como ao xurado pola concesión do premio.
A celebración continuou en Ourense, onde se rendeu homenaxe a Xosé Manuel Cid, referente da pedagoxía e da educación social, e posteriormente o recoñecemento chegou a un dos espazos emblemáticos desta traxectoria: a Casa-Escola de Cabreiros.
A organización quixo lembrar igualmente as persoas que participaron no proxecto e que xa non están, cunha mención especial a Neves do Empalme, veciña que colaborou nas xornadas, compartiu os seus recordos e o seu humor e foi protagonista dalgúns dos documentais realizados no marco da iniciativa.
Os Premios da Crítica de Galicia 2026 recoñeceron tamén a Gonzalo Hermo en Creación Literaria; Antonio Salas Ellacuriaga en Investigación en Ciencia e Tecnoloxía; o equipo de Universo Cantigas II. Cantigas de amigo en Ciencias Sociais e Humanidades; Abraham Cupeiro en Música; Mar Caldas en Artes Plásticas; Laura Iturralde en Artes Escénicas; Beli Martínez en Cine e Artes Audiovisuais; o proxecto de comunicación do Real Club Celta de Vigo en Cultura Dixital, e José María Fonseca Moretón en Cultura Gastronómica.
O premio a Cabreiros pon en valor unha experiencia de participación comunitaria, cooperación e aprendizaxe compartida que contribuíu a reforzar a vida cultural do rural e a combater o pesimismo e o despoboamento a través da implicación colectiva.