Caixa Rural Galega celebrou en Lourenzá unha nova edición do Café Camiño

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
28 nov 2019

Comerciantes, representantes municipais e de asociacións locais de Lourenzá, Mondoñedo e Abadín reuníronse, por iniciativa de  Caixa Rural Galega, no Salón de Actos do Concello de Lourenzá para participar nunha charla-coloquio co propósito de reflexionar sobre a capacidade que pode ter o Camiño de Santiago como dinamizador da economía local e motor demográfico.

O éxito desde hai anos do Camiño Francés está a proxectarse cara a novos camiños como o Camiño do Norte ou o Primitivo, entre outros, polo que cada vez máis localidades  están a recibir un número crecente de peregrinos, o que permite o despegamento do turismo como un novo motor de actividade do que ata o de agora non gozaban. Estas charlas impartidas por  Where is Galicia pretenden concienciar a comerciantes, empresarios e institucións sobre a oportunidade que isto supón para as súas localidades, tratando de fomentar accións que redunden no coidado do Camiño e dos camiñantes para continuar potenciando con éxito este novo sector de actividade que, sen dúbida, contribúe a fixar poboación e a mellorar as condicións de vida do ámbito rural.

A convocatoria contou coa participación de comerciantes, hostaleiros e diversos sectores con capacidade para o aproveitamento do potencial económico do Camiño do Norte. Tamén estiveron representadas a Asociación Abrindo Camiño de Mondoñedo e o GDR Asociación de  Desenvolvemento Comarcal da Mariña, así como o Concello de Vilanova de Lourenzá coa presenza da súa Alcaldesa Rocío López e varios Concelleiros, do mesmo xeito que o Concello de Mondoñedo tamén coa presenza de varios Concelleiros.

O acto resultou un éxito á vista das numerosas intervencións dos asistentes que ademais tiveron a ocasión de intercambiar opinións degustando uns petiscos ofrecidos por  Caixa Rural Galega no bar O Pipote.