Camiños sen fin

TerraChaXa | RibeiraSacraXa | SarriaXa | LugoXa | AMariñaXa
Achégate á música clásica da man de Rebeca Maseda, que narra dende preto, historia, cultura e paixón por esta arte.
Rebeca maseda
12 Jul 2021

Por Rebeca Maseda

Ano Santo, Ano Xacobeo, ano de camiñantes e camiños.

...«Caminante, son tus huellas
el camino y nada más;
Caminante, no hay camino,
se hace camino al andar.
Al andar se hace el camino,
y al volver la vista atrás
se ve la senda que nunca
se ha de volver a pisar.
Caminante no hay camino
sino estelas en la mar.»...

Este fermosísimo poema de Antonio Machado (1875-1939) -musicado maxistralmente por Joan Manuel Serrat- fala sobre o camiño que un vai construíndo ao longo da vida, como se esta fora un lenzo en branco que un vai tecendo a medida que vive, deixando o pasado atrás. Existen moitos tipos de camiños distintos, como tamén hai diferentes rutas no Camiño de Santiago: o Francés, o Inglés, o Portugués, o Primitivo, o do Norte, a Vía da Prata, etc. Iso sí, todos camiñan na mesma dirección, na procura do destino final: Santiago de Compostela.

Parece ser que un eremita do lugar de Solovio chamado Paio -onde hoxe se alza a Igrexa de San Fiz de Solovio- localizou arredor do ano 820 as ruinas dun enterramento primitivo no bosque de Libredón que resultaron ser as tumbas do Apóstolo Santiago e os seus discípulos, Teodoro e Atanasio. Axiña o rei Afonso II peregrina ata o lugar e manda edificar unha igrexa modesta que posteriormente reconstruiría Afonso III no ano 899, sendo o xerme da actual catedral e cidade de Santiago.

Non hai dúbida da beleza natural e arquitectónica que atesoura o Camiño de Santiago nas súas diferentes rutas, tan rico en patrimonio. Aínda que tamén existen unha morea de camiños no mundo esperando ser descubertos, novas vías a explorar e coñecer sen saber onde nos levarán... A emoción do descoñecido, cal navegante sen rumbo. Ao fin e ao cabo, ¿non é a curiosidade humana, o afán de aventura e exploración, un dos motores da nosa especie? As persoas tomamos decisións -camiños- que condicionan a nosa vida e nos levan nunha ou noutra dirección. Todos nos equivocamos e acertamos polo que o máis importante é reflexionar e mirar ao futuro sen ansia, vivir o presente e non aflixirse co pasado como sabiamente nos apunta Machado.

O compositor austríaco Gustav Mahler (1860-1911) é autor de varios ciclos de cancións para voz e piano ou orquestra. O primeiro deles titúlase “Lieder eines fahrenden Gesellen” -”Cancións do camarada errante”-, consta de catro movementos e foi publicado en 1897. Este ciclo está moi ligado á súa primeira sinfonía “Titán”, utilizando parte do mesmo material temático en ámbalas obras e está inspirado na complexa relación que Mahler mantivo coa soprano Johanna Richter cando era director da Casa da Ópera en Kassel, Alemaña. Aínda que a pena e o desamor inundan os textos desta música intensa e fermosa, parece que «saír a camiñar na noite tranquila no profundo do bosque escuro» é o único consolo para a alma atormentada do noso «camarada errante». A reconciliación entre o home e a natureza: 

«Ahí, á beira do camiño, hai un tileiro
!e ahí por vez primeira encontrei o descanso no soño!
Baixo o tileiro que nevaba
as súas flores sobre min.»

Na fotografía vemos un camiño rodeado dun bosque frondoso e verde que invita a iniciar unha viaxe sen fin. O Bosque de Silva ou a Selva de Esmelle no imaxinario cunqueiriano: atoparemos ao noso querido Merlín vagando por estes lares?

Foto Artigo Xullo'21
0.16236186027527