Campos pide á Xunta que non obrigue a pagar aos gandereiros que cambian de titularidade a súa explotación
O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, e o Secretario Xeral de Unións Agrarias, Roberto García González, clausuraron a xornada Perspectivas do Sector Gandeiro de Vacún de Carne, que dita organización celebrou no Pazo de San Marcos. Máis dun cento de persoas participaron nesta iniciativa, na que se trataron os problemas que atravesan as 5.000 explotacións de vacún de carne que hai na provincia e que representan o 55% das existentes en Galicia, pois estas ascende ás 9.000; así como as reclamacións que se deben facer para a supervivencia deste sector.
Campos Conde apuntou que “non veño a dar ningunha lección porque considero que, nin moito menos, son quen para facelo e porque para iso están os expertos que participaron na xornada. Só quero facer unha reflexión. Enfrontamos a graves problemas, que son os vosos directamente e os de todos os veciños de xeito indirecto, pois se a vós vos vai mal a todos os lucenses, unha provincia rural coma nosa, tamén”.
O Presidente destacou que “vemos como dende o ano 2010 o consumo de carne de vacún baixou nun 20%; como o prezo da carne é o mesmo que nos anos 90; que as axudas ao sector dende as administracións responsables, Goberno Central e a Xunta de Galicia, recórtanse ano tras ano; ou como os fondos dende a Unión Europea, como os da PAC, se poden reducir a partires de 2020, pois xa o dan por feito”.
“Hoxe é evidente que tedes menos ingresos que hai anos e máis custos, dificultando o mantemento das vosas explotacións, o relevo xeracional e, en xeral, a dinamización da economía da nosa provincia. O panorama non parece optimista, pero non podemos tirar a toalla, todo o contrario. Os que realmente cremos no rural temos que pelexar xuntos para vivir del e nel, reclamando ás institucións responsables a urxente aplicación de medidas que fortalezan ao sector”, destacou Campos.
Neste senso, explicou que “onte no Congreso aprobouse unha proposición non de Lei que presentou o Partido Socialista para que que non tribute, para que non teñades que pagar aínda máis impostos, no pago do IRPF, polo cambio de titularidade dunha explotación, cando non hai ningún beneficio. Por exemplo, cando unha persoa se xubila e lle pasa a titularidade da explotación a un fillo ou ao seu conxugue”.
“A proposición non de Lei do PSOE saíu adiante, conseguiu o respaldo do Congreso, pero co voto en contra do PP que está á fronte do Executivo do Estado e, polo tanto, decidirá se a aplica ou non. Creo que debemos reclamar ao Goberno Central que non faga pagar aos gandeiros polo cambio de titularidade da súa explotación porque non habendo beneficio algún, e cando estamos a ver que un dos principais problemas do sector é precisamente o relevo xeracional e a redución de beneficios e axudas , considero que este imposto é unha clara traba do PP ao sector, simplemente, por afán recaudatorio”.
“Temos que sumar esforzos para esixir ás administracións responsables, Goberno Central e Xunta de Galicia, que atendan ao sector, que escoiten as súas necesidades e que apliquen esta e outras medidas de xeito urxente, porque son necesarias para a supervivencia das vosas explotacións e, polo tanto, da nosa provincia”, subliñou.
Reproches pola PAC e solucións
Neste eido, o Secretario de Unións Agrarias destacou que “podemos reprochar aos Gobernos que xa deron por suposto que vai a darse unha rebaixa de fondos da PAC, cando aínda non se comezou a negociar. Nada impide que os países que conforman a Unión Europea incrementen o seu PIB do 1% ao 1,2% ou 1,3% para ampliar a política agraria común. Segue habendo un marxe orzamentario amplo que permita unha PAC mellor distribuída e con máis fondos dos que se reciben, pois, por exemplo, no sector da carne non todas as explotacións co mesmo número de animais cobran o mesmo e un importante número queda fóra das axudas”.
García González engadiu que “no peor dos casos, aínda que España recibira o mesmo que esta recibindo neste momento, existen ferramentas para multiplicar por 2 ou 3 o que perciben os profesionais. Existe un debate social sobre se se pode seguir permitindo que máis de 950.000 persoas sexan perceptores da PAC, cando apenas 350.000 son agricultores e gandeiros que viven e traballan do sector. En Francia, cobrando o dobre de axudas, preto de 8.000 millóns que se distribúen entre apenas 350.000 porque hai que demostrar para cobralas que se é agricultor ou gandeiro. En Francia, a diferencia de aquí, non todas as hectáreas cobran o mesmo. As primeiras 25 hectáreas, as de pequenos e medianos agricultores teñen unha subvención por hectárea maior. Pola contra, aquí facemos táboa rasa. Polo tanto, existen elementos para que, recibindo menos fondos, podan vir mellores axudas aos profesionais ou cando menos as mesmas”.
Recorte de axudas públicas
“Pero existen outros elementos importantes nos que tamén temos que centrar o debate nos próximos meses, que son cuestións que non remunera o mercado e que, por decisións políticas dos Gobernos, supoñen verdadeiros custes para as explotacións e que os gandeiros teñan que dispoñer dunhas rendas para custes que non lles corresponden. Refírome aos danos que causan nas explotacións a fauna salvaxe. Todos queremos protexer o lobo, pero pretenden que os manteñan sempre os mesmos. Aínda que hai axudas, moitos quedaron fóra porque consideran que os valados e cercados non son suficientemente disuasorios ou denéganas por considerar que o muro e a protección non é suficiente. Outro problema orzamentario, din”.
O Secretario xeral de Unión Agraria engadiu que “temos o caso do xabarín que xa non é de danos senón de control porque hai un desbordamento de exemplares que non se conseguen xestionar cos tecores. Ademais, nos anos 2017 e 2018, como non foron anos electorais, suprimiron as axudas”.
“Estamos a anos luz nas políticas públicas de apoio. A Unión Europea permite que os seguros agrarios estean financiados ata o 65% do seu custe. Curiosamente en Valencia, onde hai moita menos actividade de agricultura e gandería, destinan a seguros agrarios 24 millóns de euros. En cambio, en Galicia destinan 5 e dos 5 a metade está destinada a converter en seguro obrigatorio a recollida de animais, que aí non aseguras nada, só unha taxa de recollida de lixo para recoller o animal que morre. Sen embargo, os seguros de explotación, aqueles que permitirían empezar a asegurar rendas, tendo en conta que o cambio climático veu para quedarse, teñen unha participación moi baixa”.
Retos
García González rematou apuntando que “entre todos temos que traballar para lograr a comercialización dos nosos produtos, conseguindo o mellor prezo posible; que nesta reforma da PAC, pola vía de destinar, que vaia a quen viva e traballe no sector, a quen ten explotacións, e que se poidan incrementar de forma significativa estas axudas aos profesionais, así como que non coloquen aos profesionais do sector gastos que ten que resolver o sector público”.