Cando saín de Cuba
Por Moncho Paz
O drama dos fillos dos emigrantes é que nunca se viron obrigados a abandonar ese paraíso, do que só saben pola lembranza dos seus maiores, pois non se pode regresar a lugares que non existen para un. Polo contrario, os que marchan na procura dun futuro mellor e para gañar cartos teñen sempre o regreso á terra como fixación constante na mente. Así o reflexionaba a nosa curmá Clara Yáñez Paz, que naceu na Habana en xaneiro de 1923 e nunca tivo oportunidade de coñecer Galicia. Durante as miñas viaxes a Cuba, pasei moitas tardes con ela na casa do barrio de Sitios escoitando historias do meu avó e da nosa familia.
Contaba Clara que Mario Xosé estaba informado das novas que acontecían en Vilalba e a comarca chairega a través do seu amigo e veciño Manuel Otero Carreiras, que exercía de correspondente en Cuba de Faro Villalbés e recibía os exemplares do xornal no seu domicilio en Centro Habana, na rúa Belascoáin. O feito se ser socio do Centro Galego e membro da Sociedade de Hoteis, Restaurantes e Fondas facilitáballe tamén outras fontes de información.
En novembro de 1931, o meu avó Mario Xosé regresou a Galicia no Cristóbal Colón, vapor da Compañía Trasatlántica Española, coa idea de pasar unha pequena tempada en Vilalba. Esa breve estadía serviu de reencontro cos vellos amigos e namorouse de María Guntín, á que xa coñecía dende a adolescencia. Aos tres meses volveu a Cuba para preparar un futuro xuntos na illa caribeña, pois as oportunidades en Galicia eran máis ben poucas.
A situación en Cuba estaba realmente complicada. Faro Villalbés, no seu número 23 de data 11 de febreiro de 1933, falaba dunha “nube negra” e referíase a ela nos seguintes termos: “Familias enteras no pueden comer a diario. El terremoto de Santiago y el ciclón de Santa Cruz del Sur, que son los únicos elementos que han podido matar más que Machado, fueron menos crueles. La prensa cubana, toda mediatizada por la fuerza bruta, no da idea de lo que allí ocurre. Se muere el país de hambre literalmente”.
Mario Xosé comezara como estibador no porto da Habana, despois foi axudante no tren de lavado da familia Yáñez Paz, e na capital cubana foi ascendendo social e economicamente, chegando a traballar no pazo presidencial e convertese en xefe de cociña. Gerardo Machado rexía os destinos da República de Cuba dende 1925, ano no que fora elixido democraticamente; pero en 1929 iniciara un segundo mandato autoritario que derivou en ditadura, de aí que os cubanos remataran por chamarlle “o Mussolini tropical”.
O ditador estaba obsesionado coa seguridade e sospeitaba de todas as persoas que traballaban na residencia, por iso encargou ao xefe da Policía, Antonio Anciarte, que elaborara un expediente de todos e cada un dos membros do servizo. A investigación concluíu que había dúas persoas “potencialmente perigosas”: Carmen Ordás Fresneda, ama de chaves, pola súa relación cun líder comunista que participaba nas revoltas obreiras das centrais azucreiras; e Mario Xosé Paz Bello, amigo de republicanos españois ao que pretendían vincular, sen probas, coa Gran Logia de Cuba, organización que tiña a súa sede na rúa Carlos III, moi preto da casa do seu amigo Manolo Otero. Isto provocou que os dous foran despedidos fulminantemente por orde expresa de Machado, unha circunstancia que causou un gran desgusto no meu avó, que ademais sufriu unha persecución implacable por parte de Anciarte e os seus secuaces.
Machado mantívose na presidencia ata o 12 de agosto de 1933, día no que foi derrocado pola súa deriva no segundo mandato. Foi substituído por Fulgencio Batista, que participara en varias conspiracións que remataron no movemento cívico-militar do 4 de setembro, dirixindo con man dura a represión contra os grupos organizados por socialistas e comunistas nas centrais azucreiras. E Antonio Anciarte suicidouse o 20 de agosto, tras demostrarse que redactaba informes falsos nos seus procesos de investigación.
O desgusto polo inxusto despedimento, con falsas acusacións, e a situación de inestabilidade social fixeron que o meu avó regresara a Vilalba en agosto de 1933 para pasar en familia as festas de San Ramón, nas que tiña previsto pedir a man de María e fundar conxuntamente unha familia. Un cambio de plans sobre a idea inicial da parella de viaxar á illa para quedarse. Finalmente, o matrimonio celebrouse na igrexa parroquial de Vilalba o 16 de novembro de 1933 e a parella tería tres fillos: Mario (1935), Cándido (1936) e Ramón (1938), o meu pai.