Carlos Canal fai historia ao gañar en Barreiros a segunda etapa de O Gran Camiño

TerraChaXa | AMariñaXa
O ciclista galego impúxose na meta da praia de Benquerencia tras unha xornada que percorreu A Mariña e A Terra Chá e situou a Rafa Reis como líder da xeral
Gran-Camiño-2026-Barreiros--1
15 Apr 2026

O corredor ourensán Carlos Canal logrou este mércores unha vitoria histórica na segunda etapa da volta ciclista O Gran Camiño, tras impoñerse na chegada situada na praia de Benquerencia, en Barreiros. O ciclista de Xinzo de Limia converteuse así no primeiro galego en gañar unha etapa desta competición, consolidada xa como unha das citas destacadas do calendario internacional.

A xornada partiu ás 11.30 horas desde a Praza da Constitución de Vilalba e desenvolveuse ao longo de 148 quilómetros que atravesaron distintos concellos das comarcas da Terra Chá e da Mariña. O percorrido levou ao pelotón por localidades como Vilalba, Muras —co Alto da Gañidoira como principal dificultade orográfica—, Ourol, Viveiro, Xove, Cervo, Burela, Barreiros e Ribadeo, ofrecendo un escaparate privilexiado das paisaxes e do patrimonio natural da provincia.

Na liña de meta, Canal foi o máis rápido nun final moi disputado, asinando unha vitoria que foi celebrada como un fito para o ciclismo galego. O premio foi entregado polo vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro, e pola alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida.

Castro destacou que o triunfo dun corredor galego puxo o broche perfecto a unha etapa que, segundo indicou, serviu para proxectar internacionalmente a imaxe do territorio. “O ciclismo é unha ferramenta extraordinaria para dar a coñecer o noso país, e por iso apoiamos esta proba desde o inicio”, sinalou.

Pola súa banda, a alcaldesa de Barreiros valorou o impacto do evento no municipio, subliñando que a celebración dunha etapa de O Gran Camiño situou a localidade no mapa do deporte de alto nivel. Ademais, destacou que a vitoria de Canal contribuíu a completar unha xornada “redonda”, ao tempo que agradeceu o labor do voluntariado de Protección Civil e do persoal municipal na organización do evento.

A clasificación xeral tras esta segunda etapa deixa como líder ao portugués Rafa Reis, que mantén o primeiro posto na loita polo triunfo final da volta.

0.11860513687134