Carlos Rebolo levará o espectáculo 'Instrucións para tomar café' ao Auditorio Municipal de Vilalba

O Auditorio Municipal de Vilalba acollerá este venres, 6 de novembro, ás 20.00 horas, o espectáculo Instrucións para tomar café, de Ítaca Teatro, unha proposta de narración oral protagonizada polo contador de historias Carlos Rebolo e dirixida a todos os públicos.
O espectáculo está construído a partir de relatos do libro homónimo de Manuel Núñez Singala, publicado por Galaxia. A función reúne unha selección de historias que falan dos seres humanos e das súas imperfeccións, combinando humor e ironía.
En Instrucións para tomar café conviven a bondade e a mesquindade, o éxito e o fracaso, o fortuíto e o intencionado, así como o real e o imaxinado, a través dunha serie de retratos narrados con humor e retranca.
A actuación forma parte do Circuíto Profesional de Teatro, unha iniciativa coa que a Vicepresidencia da Deputación fomenta a inclusión de teatro profesional nas programacións culturais dos concellos.