Carmela López comproba en Meira investimentos provinciais por 700.000 euros

TerraChaXa
A presidenta da Deputación realizou unha visita institucional ao concello meirego, coñeceu o Centro de Atención a Maiores e xunto ao alcalde compartiu parte da xornada cos residentes, familiares e traballadores
alcalde-meira-visita-carmela-lope
25 Sep 2026

A presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, visitou este venres Meira para comprobar xunto co alcalde do municipio, Antonio de Dios, diferentes investimentos provinciais destinados á mellora de servizos, espazos públicos e mobilidade. Actuacións financiadas pola institución provincial, que está a investir preto de 700.000 euros para apoiar os proxectos locais e atender cuestións clave para o presente e o futuro de Meira.

“Os concellos do rural necesitan institucións que estean ao seu carón. E iso é o que está facendo a Deputación: estar presente, escoitar aos alcaldes e alcaldesas e poñer recursos para que poidan sacar adiante os seus proxectos”, sinalou Carmela López.

A visita comezou cunha recepción oficial no Concello de Meira, onde a presidenta mantivo un encontro institucional coa Corporación e asinou no Libro de Honra do Concello, antes de desprazarse aos diferentes puntos nos que se materializa a colaboración entre a Deputación e o municipio.

Entre os investimentos máis importantes destaca o Centro de Atención a Maiores de Meira, ao que a Deputación destinou preto de 340.000€ o ano pasado.

O centro, que construíu a Deputación e abriu en decembro do 2021, conta actualmente con 29 residentes e 30 prazas. A institución provincial asumiu no 2025 un custo de 972,45 euros mensuais por cada persoa usuaria, contribuíndo así a garantir un servizo público de atención ás persoas maiores no propio municipio.

O CAM está ademais inmerso nun proceso de pequenas actuacións, para ampliar a súa capacidade ata as 36 prazas. Nese sentido, estase cambiando a distribución da planta baixa, a mellora da climatización das habitacións e das zonas comúns e se está a traballar na incorporación de novo equipamento.

“Temos claro que as persoas maiores teñen dereito a ser coidadas con dignidade e, sempre que sexa posible, preto da súa casa, da súa familia e do seu concello”, valorou a Presidenta, que compartiu parte da xornada cos residentes, familiares e traballadores.

A Deputación mantén en funcionamento nove centros de atención a maiores no rural, todos eles pequenos, de carácter público, e centrados nas persoas e está impulsando novas actuacións para ampliar esta rede noutros oito municipios. Hoxe mesmo, como estaba previsto a institución provincial asinou a acta para poder reiniciar as obras na Pontenova.

“Estamos asumindo un esforzo moi importante, porque ante unha necesidade real do noso territorio, decidimos non mirar para outro lado”, afirmou.

Máis de 220.000€ nas estradas provinciais

Carmela López e Antonio de Dios comprobaron tamén as actuacións executadas nas estradas provinciais LU-P-3003, que conecta a vila de Meira coa N-640 -a estrada de Lugo á Mariña e Asturias- por Leiras; LU-P-3005, de Couso a Vilar de Corota; e LU-P-4806, de Vilaxe por Galegos a Ribeira de Piquín. Conxuntamente supuxeron un investimento de 221.397,20 euros.

As dúas primeiras vías foron acondicionadas na súa totalidade, mentres que na LU-P-4806 se rehabilitou o trazado que atravesa o municipio de Meira, entre os puntos quilométricos 14,6 e 20,3. Carmela López destacou que “unha estrada ben conservada é moito máis que asfalto: é seguridade, mobilidade, acceso aos servizos e actividade económica”.

Lembrou que a Deputación xestiona máis de 4.000 quilómetros de estradas provinciais e que este ano destina máis de 26 millóns de euros á rede viaria, ademais de reforzar os traballos de desbroce. “Para nós, conservar as estradas provinciais non é unha actuación puntual, senón unha responsabilidade permanente. É unha das ferramentas que temos para garantir igualdade de oportunidades en todo o territorio”, afirmou.

A presidenta tamén comprobou diferentes actuacións realizadas ou en execución con cargo ao Plan Deputación 2026, que achega a Meira 224.955,25 euros este ano 2026 e dos que 174.622 euros corresponden a investimentos, ademais das partidas destinadas ao Servizo de Axuda no Fogar e ao emprego.

Entre eses proxectos, a Presidenta comprobou sobre o terreo a actuación no abastecemento de auga de Paredes, cun investimento de 48.620,70 euros para a súa mellora; a instalación de balizas LED no paseo entre o parque Profesor Río Barxia e a EDAR, con 11.301,40 euros; o equipamento do espazo cultural O Centro, dotado con 5.698 euros; e o subministro dun cargador eléctrico na Praza Maior, ao que se van destinar outros 22.512,05 euros.

“O Plan Deputación é municipalismo en estado puro: poñemos os recursos á disposición dos concellos, goberne quen goberne, con criterios obxectivos para que sexan os propios gobernos locais os que decidan onde son máis necesarios”, explicou Carmela López.

Apoio á actividade económica e á vida do municipio

A visita rematou no Restaurante O Muíño de Meira, onde a Deputación achegou 49.980,66 euros para a rehabilitación da cociña e o peche da terraza. A actuación que se está a realizar virá mellorar as condicións dunha instalación municipal situada nunha contorna de especial interese, xunto ao río Miño, unha ampla zona verde e un espazo de xogos infantís.

O alcalde de Meira agradeceu a colaboración da Deputación de Lugo, porque “sen ela non faríamos nada”. Destacou que no 2007, cando chegou á alcaldía, a maioría dos núcleos non tiñan auga, “se non fora pola Deputación non tiñamos as instalacións que temos agora, non poderíamos ter feito nin unha cuarta parte e hoxe non hai un núcleo sen auga”. Destacou que Meira é “unha cabeza de comarca que dá servizo á veciñanza da Pontenova, Riotorto, Pastoriza, Pol, Ribeira de Piquín”.

Pola súa banda, a Presidenta reivindicou o compromiso da institución provincial cos 67 concellos, pero sobre todo os máis pequenos “que demasiadas veces teñen que facer fronte sos a necesidades que deberían contar cunha resposta moito máis decidida por parte da Xunta de Galicia”. E engadiu que en Meira “os veciños e veciñas teñen os mesmos dereitos que en calquera outro concello e nós imos seguir defendendo que teñan as mesmas oportunidades”.

0.11301112174988