Carmen Conde presenta este sábado o seu espectáculo na Casa Museo de Manuel María

LugoXa | TerraChaXa
A narradora oral e dramaturga lucense contará algunhas das historias que leva recollendo e escribindo desde hai máis de unha década
casa-museo-manuel-maria
28 Nov 2024

A narradora oral, dramaturga, actriz e directora lucense, Carmen Conde, estará, este sábado, 30 de novembro, ás 20 horas, na Casa-Museo Manuel María para contar O que non estaba escrito.

Unha contada onde Carmen falará de curas que se namoran, feixes de millóns en casas de pobres, bebés nados de hortas, mulleres evanxelizadoras do pracer ou o primeiro explorador de buracos negros, entre outros...

Carmen Conde leva máis de unha década recollendo, escribindo e contando historias. Percorrendo toda a xeografía galega e conversando nos camiños con centos de persoas que lle legaron xenerosamente anacos marabillosos das súas vidas.

O que non estaba escrito, ten este título porque os relatos que vai contar este sábado non estaban escritos, mais tamén polo extraoficiais e polo especiais que son. Inspirados en todo canto apañou da oralidade, ficcionados pola propia narradora nunha mestura indistinguíbel entre realidade e imaxinación e devoltos á voz falada, a través de narracións desta sesión para público adulto. Unha escolma en que até a vida máis anónima roza o improbábel e a maior normalidade choca co delirio.

Para asistir a este espectáculo dirixido é necesario facer reserva (billete 5 euros) en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou a través do whatsapp 698 177 621.

0.15691590309143