Castiñeiro Milenario ofrece obradoiros gratuítos de aromaterapia e arteterapia

TerraChaXa
O primeiro obradoiro terá lugar o sábado 16 de novembro de 10:00 a 13:00 horas e o segundo será o 23
obradoiros-castineiro-milenario
11 Nov 2024

Grazas ao Proxecto Ninfas, impulsado pola Asociación de Mulleres Empresarias en colaboración coa Deputación de Lugo, Castiñeiro Milenario organizou dous obradoiros gratuítos no local da Asociación Veciñal do Castro, que terán lugar en novembro. Estas actividades están orientadas ao benestar físico, mental e emocional dos participantes e estarán abertas ao público de forma totalmente gratuíta.

O primeiro obradoiro, dedicado á Aromaterapia, terá lugar o sábado 16 de novembro de 10:00 a 13:00 horas. Será impartido por Noelia Solar, terapeuta e aromatóloga de Esencia Viva, un recoñecido centro de masaxe e recuperación funcional especializado en tratamentos con aromaterapia e cosmética natural. Este obradoiro sensitivo e práctico ensinará aos participantes a empregar aceites esenciais e outros compostos aromáticos para mellorar o benestar psicolóxico e físico.

A seguinte cita será o sábado 23 de novembro, tamén de 10:00 a 13:00 horas, cun Obradoiro de Arteterapia impartido pola artista multidisciplinar Cris Bamio. Neste curso, os asistentes explorarán o uso das artes plásticas como unha forma de expresión que contribúe a mellorar a saúde mental e o benestar emocional e social.

Ambos obradoiros son de balde, pero é preciso inscribirse previamente enviando un correo a castineiromilenario@hotmail.com. Estes encontros ofrecen unha oportunidade única para experimentar e aprender novas técnicas terapéuticas da man de profesionais recoñecidas, dentro do marco dun proxecto que aposta polo benestar e o empoderamento da comunidade.

0.1654360294342