Castiñeiro Milenario organiza en Begonte a súa Foliada de Primavera cos tradicionais maios

TerraChaXa
A Casa do Pobo do Castro acollerá unha xornada dedicada á cultura popular galega con actuacións musicais e actividades arredor da tradición dos maios
Maios
6 Jun 2026

Begonte acollerá este domingo, 7 de xuño, unha nova edición da súa Foliada de Primavera, unha cita que busca poñer en valor as tradicións populares galegas dos maios e fomentar a convivencia veciñal a través da música, a cultura e a participación comunitaria.

A programación desenvolverase na Casa do Pobo do Castro e dará comezo ás 11.30 horas coa recollida de flores e elementos vexetais que servirán para confeccionar o tradicional maio. Media hora máis tarde, ás 12.00 horas, os asistentes participarán na elaboración desta emblemática figura floral, nunha actividade que contará coa colaboración de Branca Villares e Manu Parafreteiro.

A partir das 13.00 horas terá lugar a foliada, que reunirá diferentes formacións e artistas da música tradicional galega. No encontro participarán os grupos Treitoira, Tanxedoras de Balla, Ferreñas Rabudas e Entre a Néboa, que amenizarán a xornada con actuacións en directo e repertorio popular.

A celebración continuará ás 14.30 horas cun xantar popular, seguido dun tardeo folclórico no que a música e o ambiente festivo serán os protagonistas ata o remate da xornada.

A iniciativa está organizada pola asociación Castiñeiro Milenario coa colaboración da Asociación de Veciños do Castro e da Área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo. Os promotores destacan que o evento pretende manter vivas as tradicións ligadas aos maios e á música popular, ao tempo que ofrece un espazo de encontro para persoas de todas as idades nun ambiente festivo e participativo.

0.11487293243408