Castiñeiro Milenario organiza en Begonte un obradoiro de iniciación á cervexa artesá con tres sesións independentes

A asociación Castiñeiro Milenario vén de presentar unha nova actividade para este verán centrada na divulgación e degustación da cervexa artesá. Trátase dun obradoiro composto por tres sesións independentes que permitirá ás persoas participantes achegarse ao mundo desta bebida desde unha perspectiva teórica e práctica.
A primeira sesión celebrarase o 16 de xullo ás 20.00 horas no Centro Sociocultural de Begonte. Nesta xornada ofrecerase unha introdución ao mundo da cervexa, abordando aspectos como a súa historia, os procesos de elaboración, os diferentes estilos existentes e unha serie de consellos básicos para apreciar mellor esta bebida milenaria. A actividade completarase cunha cata de cervexas lager.
A programación continuará o 23 de xullo ás 20.00 horas no Club Fluvial de Begonte cunha sesión dedicada ás cervexas lupuladas, especialmente ás IPAs, na que os asistentes poderán coñecer as súas características e participar nunha degustación guiada.
O ciclo rematará o 30 de xullo, tamén ás 20.00 horas no Club Fluvial de Begonte, cunha cata centrada nas cervexas negras, pechando así un percorrido por algúns dos estilos máis representativos da cervexa artesá.
Desde a organización sinalan que as prazas son limitadas, polo que recomendan ás persoas interesadas formalizar a súa inscrición canto antes a través do correo electrónico da asociación. O prezo de participación é de 12 euros por sesión para as persoas socias e de 15 euros para as non socias.
A iniciativa conta coa colaboración do Concello de Begonte e do Club Fluvial de Begonte e busca fomentar o coñecemento da cultura cervexeira a través de actividades formativas e experiencias de degustación abertas ao público.