Castiñeiro Milenario organiza en Begonte unha nova cata de cervexas centrada na tradición belga

A asociación Castiñeiro Milenario celebrará o vindeiro venres 13 de novembro unha nova edición de Avelasbeer, unha actividade dedicada á cultura cervexeira que nesta ocasión estará centrada na tradición de Bélxica, recoñecida pola Unesco en 2016 como patrimonio cultural inmaterial da humanidade.
A proposta terá lugar ás 20.00 horas no Centro Sociocultural de Begonte, situado xunto ao Centro Médico, e dará continuidade ás actividades relacionadas coa cultura da cervexa e as catas que a entidade organizou durante o pasado verán, tras a boa acollida rexistrada.
Nesta sesión, as persoas participantes poderán coñecer a importancia da tradición cervexeira belga a nivel mundial, achegarse aos diferentes estilos propios desta rexión e realizar unha primeira cata centrada en cervexas de maior intensidade, como as dobres, triples e cuádruples. A selección incluirá cervexa rubia belga, trapense triple e trapense cuádruple, ademais dunha cata sorpresa dun estilo característico destas datas.
As prazas para participar son moi limitadas, polo que será necesario realizar unha inscrición previa a través do correo electrónico castineiromilenario@hotmail.com.
O prezo da actividade será de 12 euros para as persoas asociadas a Castiñeiro Milenario e de 15 euros para as non asociadas.